Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ledicia Costas, "hipercontenta e sorprendida" polo Premio de Poesía Afundación

“É moi emocionante ser recoñecida cun premio que levaron poetas que eu tanto admiro”, sinalou a colaboradora de FARO | O xermolo da obra foi unha homenaxe a Xela Arias

Anxo Lorenzo (2º e.) e o secretario do xurado, Xavier Castro (2º d), con membros do xurado. XOÁN REY

Ledicia Costas gañou, co poemario Ultraluz e baixo o lema Kodama, a XX edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia co patrocinio da Xunta de Galicia, á que se presentaron nesta edición un total de 32 obras inéditas. O galardón implica a publicación do libro na colección “Arte de trobar” e unha dotación económica de 6.000 euros.

Costas, colaboradora de FARO, sinalou onte estar “hipercontenta ademais de sorprendida” polo premio. Lembrou que non é o primeiro poemario que escribe xa que no ano 2012 publicou un libro coa xa desaparecida editorial Everest, “Xardín do inverno”. Esa obra xurdiu despois da morte da súa avoa paterna.

Os artigos de Ledicia Costas pódense ler todos os domingos, tres nas páxinas de opinión e un cuarto no suplemento “Estela” do decano. Tras levar dez anos sen publicar poesía, Costas recoñeceu que “acabou esta obra este verán”. Sobre o xermolo da mesma, lembrou que este atópase no Ano Xela Arias conectado coa Orquestra Vigo 430. Esta formación musical convidouna a participar nun concerto homenaxe a Arias polo ano no que se lle adicaron as Letras Galegas. Costa declamou versos da autora viguesa e “ao saír do Auditorio pensei: ‘Teño que volver a escribir poesía. Naceu alí’”.

Imaxe de arquivo de Ledicia Costas, na biblioteca da Facultade de Filoloxía da UVigo. Alba Villar

Para Costas, este galardón non é unha distinción calquera. “Ten prestixio; é moi emocionante ser recoñecida cun premio que levaron poetas que eu tanto admiro”, sinalou a FARO na tarde de onte.

En canto á temática do poemario, indicou que é “un libro sobre a infancia, sobre os paxaros negros que temos na cabeza e sobre cómo construímos universos propios para fuxir da realidade” sen esquecer que revela “as sombras que levamos dentro. É un libro escuro, cun punto gótico, con referencias a películas, a personaxes que son importantes para min e á autoras infantiles. O meu mundo está aí condensado”.

O galardón, convocado por Afundación en colaboración co Centro PEN de Galicia, conta co patrocinio da Xunta de Galicia. Co gallo do vixésimo aniversario, Afundación publicará unha antoloxía coa escolma de poemas de todas as persoas premiadas, tamén de Ledicia Costas.

“Autenticidade poética”

O xurado considerou que este libro de poemas é “un exercicio de claridade e autenticidade poética cunha decidida vontade de achegar os mundos fantásticos ao noso bosque, logrando unha interacción entre as referencias ao anime e á ciencia ficción. Hai unha interpelación ao lector como axente activo convidándoo a entrar nese mundo de frescor infantil que mestura o abraio e o sombrizo”.

A resolución do xurado, composto por Estíbaliz Espinosa, Ánxela Gracián e Luciano Rodríguez, como representantes vogais e profesionais da escrita; Xabier Castro Martínez, escritor e secretario do xurado; e Luís González Tosar, presidente do Centro PEN de Galicia e presidente do xurado, tivo lugar na Sede Afundación en Santiago. No acto estiveron presentes, ademais dos membros do xurado, Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta, e Pedro Otero, director xerente de Afundación.

Otero manifestou o seu convencento da necesidade de manter un premio que é xa un referente do panorama literario galego.

Pola súa banda, Anxo Lorenzo destacou que a galardoada se incorpora á ampla nómina de premiados con este galardón, que celebra vinte anos de historia, “un dos premios máis veteranos do panorama literario galego”. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Vale Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela e Miguel Anxo Fernán Vello.

Co gallo do vixésimo aniversario do galardón, Afundación publicará unha antoloxía coa escolma de poemas de todas as persoas premiadas, tamén de Ledicia Costas.

Compartir el artículo

stats