A viguesa Ledicia Costas gaña, co poemario Ultraluz e baixo o lema Kodama, a XX edición do Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia co patrocinio da Xunta, á que se presentaron nesta edición un total de 32 obras inéditas.

O xurado considerou que este libro de poemas é "un exercicio de claridade e autenticidade poética cunha decidida vontade de achegar os mundos fantásticos ao noso bosque, logrando unha interacción entre as referencias ao anime e á ciencia ficción. Hai unha interpelación ao lector como axente activo convidándoo a entrar nese mundo de frescor infantil que mestura o abraio e o sombrizo".

Pola súa banda, Pedro Otero, director xerente de Afundación manifestou o seu convencento da necesidade de manter un premio que é xa un referente do panorama literario galego. "De feito, Medos Romero, galardoada na pasada edición, comentaba nunha entrevista que o Premio de Poesía Afundación é visto polas persoas profesionais da creación poética como a gran distinción deste ámbito en Galicia", dixo.

O xurado, formado por por Estíbaliz Espinosa, Ánxela Gracián, Luciano Rodríguez, Xabier Castro Martínez e Luís González Tosar xunto a Anxo Lorenzo e Pedro Otero

O galardón, que implica a publicación do libro na colección "Arte de trobar" e unha dotación económica de 6000 euros. Comezou o seu percorrido no ano 2002 a instancias do PEN Club de Galicia e de Afundación. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Vale Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello, Olalla Cociña, Estíbaliz Espinosa, Gonzalo Hermo, Miguel Sande ou Medos Romero, gañadora da anterior convocatoria.