As Comadres das Letras publican libro

As impulsoras de que comadre fora palabra do ano no 2022 presentan “Contármonos”

Algunhas das comadres que publican ”Contármonos”.

Algunhas das comadres que publican ”Contármonos”. / Marisa de Corme

mar mato

O grupo amante da literatura Comadres das Letras que promoveu que comadre fora a Palabra do Ano 2022 –mediante votación popular ao abeiro da Real Academia Galega e da Fundación Barrié– está a piques de publicar libro colectivo titulado “Contármonos”.

Este sábado día 17 será a presentación da obra –editada por Alvarellos e que a partir do luns irá chegando ás librarías se ben desde o venres se pode adquirir na súa web– a partir das cinco da tarde en Compostela e dentro da programación do festival SELIC (Semana do Libro de Compostela). 

Trátase dunha obra coral con 14 voces femininas –case todas noveis desde unha universitaria ata unha xubilada– en narrativa e poesía, entre elas a da xornalista de FARO Carmen Villar e María Álvarez Landesa. Esta última explica que “o proxecto naceu no 2021 cando algunhas fixemos con Eli Ríos un curso de escrita promovido pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e que contaba con orzamentos do Concello de Santiago. Algunhas desas mulleres seguimos en contacto. A sorpresa chegou cando pedimos unha segunda parte do curso que aceptou a organización de escritores”.

Ese obradoiro celebrouse e Eli Ríos propúxolles falar co técnico de Cultura de Compostela. As autoras así o fixeron e acudiron tamén a Alvarellos. Finalmente, as dúas partes deron luz verde.

En canto ás temáticas, engadiu a profesora viguesa Álvarez Landesa que as aportacións están escritas “en clave feminina reivindicativa e feminista. As protagonistas das historias son mulleres do cotiá coas súas problemáticas en feminino”.

Respecto de “Contármonos” como título do libro, este naceu primeiro como “Contarnos” para bautizar un grupo de Whatsapp. “Estamos a contar cousas da nosa vida porque falabamos de mulleres que podería ser calquera de nós”, engade.

Foi no proceso de elaboración do libro no que apareceu o termo “Comadres das letras”. “Empezamos a ser comadres porque unha de nós edita un poemario e empezamos a falar de presentalo chamándonos entre nós comadres, polos coidados, para acabar bautizando un grupo de whatsapp como Comadres das letras. Pensamos falar coa RAG para ampliar o número de acepcións desta palabra porque non facía referencia ao coidado entre mulleres nin á rede de afectos para sosternos. Por iso, decidimos presentarnos ao concurso da palabra do ano que ao final gañou”, conclúe.

Suscríbete para seguir leyendo