...    

Unha ollada diferente á Galicia dos anos 50 e 60

O Museo do Mar de Vigo acolle ata o 2 de xullo unha exposición de fotos do vigués Raniero Fernández sobre as xente da urbe olívica, o seu porto máis os cruceiros e hórreos da rexión

Homes amarrando un barco en Vigo.

Homes amarrando un barco en Vigo. / RANIERO FERNÁNDEZ

Mar Mato

Mar Mato

O fotógrafo vigués e xoieiro Raniero Fernández (1909-1999) investiu 20 anos da súa vida fotografando hórreos e cruceiros por Galicia. Eran as décadas dos 50 e 60 do pasado século e ese labor non se tiña en consideración. “Naquel momento, primaba a fotografía de efecto pictorialista pero el facía outro tipo de fotos, que non eran premiadas nos concursos”, explica Manuel Sendón, comisario xunto a Xosé Luís Suárez Canal da exposición “Raniero Fernández. O arquivo” que mostra o Museo do Mar de Vigo ata o 2 de xullo.

Raniero ía contracorrente dos seus compañeiros fotógrafos da época. Naquel momento, as imaxes que gustaban eran as de paisaxes con néboa. El, porén, estaba influenciado pola fotografía humanista de Cartier-Bresson e Doisneau. “Captaba a xente de costas, para non molestar, sempre primando a interese humana”, detalla Sendón.

Fotografía dun hórreo de Raniero Fernández.   | // R. FERNÁNDEZ

Fotografía dun hórreo de Raniero Fernández. | // R. FERNÁNDEZ / mar mato

“El –prosegue– viaxaba ao estranxeiro. Foi en París onde viu a exposición ‘The family of man’ que organizara o MOMA (Museo de Arte Moderno de Nova Iorque) con imaxes de moitos fotógrafos relevantes da historia. Chamoulle a atención e comprou o catálogo que se mostra na exposición”.

“The family o man” viaxou por gran parte do mundo, tras inaugurarse na cidade que nunca dorme en xaneiro de 1955. Amosaba fotografías de máis de douscentos fotógrafos que enfatizaron nas súas imaxes máis de 30 temas para retratar a humanidade.

Ao igual que na fotografía humanista, o fin é, nesta exposición e nas imaxes de Raniero, tratar sempre os protagonistas con dignidade, sen importar se as súas accións ou contextos humildes.

Tanto Sendón como Suárez Canal levan 40 anos estudando o arquivo fotográfico de Raniero Fernández. Este parece falarnos aos ollos na exposición dende o seu retrato de infancia, conducindo un coche de xoguete; ou vestido de boy-scout; de mozoulo con uniforme ou xa de maior, nunha suntuosa sala.

Arquivo da sobriña

Tamén falan directamente as imaxes que captou. Algunhas forman parte do arquivo da súa sobriña Mercedes Gómez Fernández, como é o caso dunha foto en Esteiro no 1959 onde vemos a catro mulleres vestidas de xeito tradicional de negro, dúas portando sobre as cabezas baldes de auga.

Vemos tamén noutra imaxe xente na feira de Santiago; unha muller rezando xunto a exvotos en San Mauro, na parroquia viguesa de Matamá, no 1962; barcos de pasaxeiros ou mesmo trasantlánticos chegando a Vigo ou amarrados; nenos a xogar na rúa; a inauguración do Aeroporto de Peinador; ou as lapas e fume negro de cando ardeu o buque Polycommander, a construción da Ponte de Rande ou o traballo na factoría de Massó en Cangas con varios homes cortando e limpando unha balea.

Rememora Sendón que para Raniero –que foi presidente da Agrupación Fotográfica Galega, que xuntaba a fotografía non profesional do país naquela altura– o Porto de Vigo constituía “un coto de caza fotográfica extraordinaria”.

Pero entre todas as fotos, unha das zonas onde máis se para a xente visitante da exposición é a dos hórreos e cruceiros.”El recorría Galicia para estas fotografías. Non o facía por un proxecto artístico ou etnográfico. Citaba que o hórreo era o banco do galego e o cruceiro a súa parte espiritual”.

A través das súas imaxes dos hórreos e cruceiros percorremos unha Galicia que, por una parte, desapareceu (hai modelosde hórreos de madeira que sucumbiron ao paso do tempo) e que, por outra parte, perviven como o legado dese pasado no agro.

Fernández –dono da xoieiría Ramón Fernández, que aínda segue en funcionamento na rúa Príncipe da cidade olívica– fotografiou tamén incensiarios, custodias e cruces de igrexas viguesas que se presentan individualizados na mostra con fondo negro resaltando a súa beleza.

“O que pretendemos coa exposición –defende Sendón– é ofrecer unha visión contemporánea da súa obra. Naquel momento, a estas fotos non se lles daba valor pero agora ese traballo de hórreos e cruceiros –así como de barcos e edificios– vemos que conecta cos Becher, un matrimonio [creadores da fototrafia de paisaxe industrial– que facía fotografía nos anos 50 e que tiñan intencionalidade artística. O traballo de Ranieiro vai na súa liña”.

Suscríbete para seguir leyendo