Un disco rescata a conexión galega de Lorca en Cuba

O pianista vigués Alberto Conde lanza “Corriente del Golfo”, unha homenaxe ao poeta e á música coruñesa-habaneira María Muñoz

Alberto Conde e Diana Tarín.   | // ANXO CABADA

Alberto Conde e Diana Tarín. | // ANXO CABADA / mar mato

mar mato

A visita de Lorca a Cuba non tería sido a mesma sen unha figura, a da galega María Muñoz Portal. A viguesa Irene del Río, que hoxe en día vive en Cuba e é presidenta da Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil, ten escrito libros sobre a súa figura. Agora o músico e profesor olívico Alberto Conde rescata aquel momento nos anos 30 do pasado ano para renderlle unha homenaxe en forma de disco: “Corriente del golfo”.

Cando Conde e Diana Tarín se desprazaron no 2015 ao XXXI Festival Jazz Plaza de La Habana, atoparon unha placa conmemorativa na sala de concertos Ignacio Cervantes dedicada a María Muñoz Portal. “Nesa placa, Cuba agradecíalle todo o que tivera feito entre os anos 20 e 40. Ela foi a creadora, xunto con outros músicos e o seu marido, do Conservatorio Bach e a revista ‘Musicalia’”, describe Conde.

Directora tamén do conservatorio Escuela Filarmónica Nacional, María Muñoz nacera en A Coruña e fora alumna de Falla, introduciu naquel tempo en Cuba obras deste, de Chané ou Juan Montes.

“Isto creou un movemento de estudio na illa ao redor da música clásica e do sinfonismo. Ela formaba parte do Grupo Minorista que buscaba introducir o negrismo dentro da cultura clásica para respectar as raíces populares no Caribe”, detalla Conde.

De aí, que a revista “Musicalia” fora a primeira en publicar o poema “Son de negros” de Lorca. Cando o poeta visita a illa americana, María Muñoz –que era pianista– convértese en anfitrioa del. Era o momento no que o jazz comeza a introducirse en Cuba.

Así, en recordo dela e de Lorca enfíanse os temas do novo disco de Conde que en poucos días estará nas tendas de discos para chegar ás plataformas dixitais en setembro.

O disco arrancou no 2016 cunha primeira sesión de gravación no Garufa, para continuar nos anos vindeiros con outros concertos, incluído un no Teatro Afundación que nutre o álbum.

“Corriente del Golfo” –producido por Conde e Segundo Grandío– presenta dous discos e ábrese co tema “Pel dourada”, con composición e letra de Conde que se inspirou nas xentes de Cuba. Porén presenta tamén un recordo a Manuel de Falla, con melodías jazz e tamén de flamenco.

A canción número dúas do disco é “Madrigal a Cibdá de Santiago”, un dos poemas galegos de Lorca, cantado pola fadista Ana Ferreira.

Prosegue a viaxe musical con “Quiere el amor feliz”. A letra pertence á poeta Dulce María que trata sobre a sensibilidade feminina cubana. Aquí, ventos, teclados, piano, percusión e cordas traen o son da illa para colocar o afrocubano no sinfónico.

O tema “Unha noite na eira do trigo” –en clave de muiñeira jazz– demostra como María Muñoz incluía nos seus concertos a Falla e o repertorio tradicional galego con letra de Curros Enríquez, que tamén estivera exiliado en Cuba.

Noutras composicións como “Si me quieres, quiéreme entera” disfrutaos dunha rumba-jazz. A rumba dáse tamén en “Entroido” mentres que en “Ocúltale” escoitamos un bolero, do que tamén se bota man en “Que más dá”, que evolúe a ritmos afrocubanos.

Reseñable tamén é “Corriente del Golfo”, tema instrumental de factura cubana con reminiscencias de África e Andalucía.