A viaxe ao pasado de Pakolas arrasa

Vén de gañar con “A Ramona pequena vai á Lúa” o Premio Rosalía de Castro | É finalista aos Martín Códax na sección de música infantil

Pakolas e Laura Romero, autores do libro.

Pakolas e Laura Romero, autores do libro. / FdV

Mar Mato

Mar Mato

O músico e narrador Paco Cerdeira, Pakolas, recunca. Vén de publicar o libro para o público máis novo “A Ramona pequena vai á lúa” (Galaxia), con ilustracións de Laura Romero. Esta segunda entrega xa vén con galardón. Conseguiu o XIV Premio Rosalía de Castro de Lingua da Deputación de A Coruña. Ademais, atópase entre os finalistas aos Premio Martín Códax de música infantil.

“Despois do éxito acadado co primeiro título de ‘Ramona Órbita’, e despois de ver a resposta por parte do público non podía non facer un segundo traballo coa Ramona, neste caso a Ramona pequena, de cando tiña seis anos e soñaba con chegar a Lúa antes de que o fixeran os americanos ou os rusos. Estes competían a finais dos anos sesenta por ser os primeiros en chegar. Ela conseguiuno pero como non deixou lixo na Lúa, ninguén se dou conta” da fazaña, explica Pakolas.

Neste regreso ao pasado, preséntanos dez composicións musicais que describen o universo da Ramona nena para rematar co conto “A Ramona pequena vai á Lúa” que nos leva a cando a pequecha tiña seis anos e vivía no Courel na altura do 1967 e cando a ciencia que máis lle gustaba era a astronomía.

Como apertura, a obra comeza co tema “Profe Lupe”. “Todas –detalla Pakolas– temos unha profesora da que sempre nos lembramos e que marcou a nosa vida, pois no caso de Ramona é Lupe que ensinaba matemáticas, literatura, astronomía e a historia dos maias así como saber cal é o tempo da sementeira e da colleita”.

Para Cerdeira, “ese contacto coa agricultura para os nenos e nenas de hoxe é moi importante para que se dean conta que as cousas non aparecen no supermercado por que si”.

Respecto ao premio Rosalía de Castro, recoñece que “me ilusionou moitísimo recibilo, porque é o recoñecemento a un labor que actualmente creo moi necesario e que é a dinamización da nosa lingua”.

Pakolas, que ademais é dixitalizador do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego, atópase de xira con este proxecto que busca achegar o rock en lingua galega para os máis cativos mentres Laura Romero ilustra nun cabalete xigante os personaxes que el vai tocando.

No disco, contou con Ro Muñoz, de A Gramola Gominola, para as baterías; co alumnado do CEIP de Caión para os coros, estes últimos traballo de José Carballido.