O fito de “Matria”: será a mellor estrea comercial dun filme en galego da historia

Dende mañá recíbena 60 pantallas españolas, superando a "O que arde" | Vén avalada por dous premios no Festival de Málaga

María Vázquez coa súa Biznaga, o sábado no Festival de Málaga.

María Vázquez coa súa Biznaga, o sábado no Festival de Málaga. / EFE

Mar Mato

Mar Mato

Corría o ano 2014 e a película galega e en galego “A esmorga” –de Ignacio Vilar– convertíase en novembro nun dos filmes máis vistos en todo o Estado español. A conversión en celuloide do libro de Blanco Amor foi todo un éxito a pesar de que só se distribuiron 18 copias, todas en Galicia e todas en galego. Despois chegaría a súa proxección alén do país galego.

No 2019, chegaría o turno de “O que arde” (de Óliver Laxe, tamén galega e en galego) cuxa estrea sería a mellor do cinema independente nesa fin de semana na que chegou ás salas: proxectouse en 46 pantallas. Agora, neste 2023, o cinema de noso marca outro fito histórico con “Matria”, poderá verse na fin de semana da estrea en 60 salas de Galicia e España. Con estas cifras, é xa un novo éxito do cinema galego contemporáneo.

A opera prima do realizador vigués Álvaro Gago “convértese así na maior estrea comercial dun filme na nosa lingua, superando precedentes coma ‘O que arde’. Destas pantallas, 27 están en Galicia, no que supón o maior número de copias dun título galego nas nosas salas”, destacan dende a promoción da cinta.

Fóra do territorio galego –ollo porque o martes 28 hai pase especial en Vigo nos Multicines Norte con coloquio co director; e o 25 de marzo na Illa e en Cambados no Auditorio Municipal– poderá verse en Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Castela e León, Cataluña (oito cinemas), Madrid (nove salas), Comunidad Valenciana, Navarra e País Vasco.

O seu paso pola Berlinale pero sobre todo polo Festival de Málaga a pasada semana onde conseguiu dous galardóns –a Biznaga de Prata á mellor actuación feminina para María Vázquez no papel protagonista de Ramona; e o premio Asecan ópera prima na sección oficial– espertaron enorme interese por este filme diferente no que a historia deposita o seu peso en Vázquez que dá á vida a unha muller galega cunha filla que sofre a precariedade laboral na conserveira na que traballa.

Ao non tragar co que lle queren impoñer os xefes para reducir gastos eles e ter máis marxe de beneficio, o personaxe opta por unha decisión radical. É nese camiño de busca dunha solución na que a acompañaremos traballando e buscando traballo, mesmo desempeñando funcións a priori para homes como o de laborar nun bateeiro.

Relataba María Vázquez nunha entrevista a este xornal a pasada fin de semana que ela traballou de verdade en todos eses postos para construír mellor a Ramona.

Esa verosimilitude é o prato forte dun filme que por momentos é moi ingrato de ollar pola dureza das conversas, das realidades –aínda que ficcionadas– que presenta onde aboia a violencia sistémica , monótona e cansina contra a muller inda que non vexamos nin un puño, nin unha pancada.

É un filme tamén que convida a reflexionar sobre o que supón ser nai realmente, sobre as funcións que debe cumprir unha familia e a aspiración de calquera fillo ou filla a sentirse querido e a salvo.