Aldaolado celebran os seus 18 anos de música e poesía na Kominsky

O proxecto de Lucía Aldao e María Lado cumpre a maioría de idade e festéxano con “Sobre sorpresa”, un canto ao fracaso que pode ser éxito

María Lado e Lucía Aldao, Aldaolado, presentan “Sobre sorpresa”.

María Lado e Lucía Aldao, Aldaolado, presentan “Sobre sorpresa”. / mar mato

mar mato

O proxecto de música e poesía galega oral Aldaolado, Lucía Aldao e María Lado, actúan hoxe na sala Kominsky en Vigo, a partir das dez da noite coa entrada a seis ou oito euros. Estrean o seu espectáculo “Sobre sorpresa” que “nace coa idea de falar sobre o fracaso. Coincide cos nosos 18 anos como grupo. Que é o éxito? Facer o que nos gusta ou non poder andar pola rúa da cantidade de xente que te coñece?”, sinalan felices trala súa visita ao Politécnico días atrás onde ata asinaron autógrafos en estuches.

“Sobre sorpresa” inclúe un percorrido polo seu último disco poético-musical, “Forestal”, editado ao abeiro do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021-2022 da Xunta.

O nome procede dun verso de Aldao que di “unha vez déronme a escoller entre a paz interior e un sobre sorpresa, elixín o sobre sorpresa’ . Fala do momento de confesión coas amigas sen medo a sentirte xulgadas”, explica a poeta. Este aparece no tema “Donas e señoras da escuridade e da risa” de “Forestal”.

Quedamos con elas en El Mono Vintage na cidade olívica para disertaren sobre este. “O forestal lembra a idea de monte, con zonas tupidas de árbores e áreas de claros. Serve para falar dos nosos propios poemas que por veces son luminosos e outras máis sombríos. Tamén nos serve para falar da invisibilidade á que estamos condeadas as mulleres. Poucas veces saímos á luz e cando o facemos é como unha anécdota”, explica María Lado que xunto a Aldao preparou o texto da obra “Pirolíticos” de Mofa e Befa que tanto éxito tivo na Ártika a pasada semana.

Porén hai tamén unha explicación de cara B. “Tiñamos unha conversa sobre unha canción que non sabiamos moi ben o que se dicía nela. Na SER tiñan a sección ‘Roca forestal’ para dicir o que a xente entendía de certos temas. Chamábase así porque alguén na canción de Loquillo “Quiero ser una rock and roll star” entendía ‘Quiero ser una roca forestal’. Era xusto o que queriamos nós, ser unha roca forestal”, rememora.

"A chorrada lévanos á reflexión profunda"

Así, dese nacemento primeirizo dun título, seguiu despois a canción “Forestal” e o contido. “É unha técnica –engade Lucía Aldao– que empregamos moitas veces. Partir da chorrada para dotala de contido. A chorrada lévanos a reflexión profunda”.

O proxecto abre con “Furia necesaria” –do poemario “Gramo Stendhal de Lado– que fala da néboa feroz e dun día perfecto para caer” deixando a un lado a cobardía de vivir. “Fala de atreverse, sinala Aldao, de que aínda que caiamos, hai que atreverse”.

Na conversa, dedican un momento a falar tamén do tema “Nancy Mourín Varela”, unha amiga delas de Buño que faleceu tras un momento complicado. “A poesía e música serven para moitas cousas: para homenaxear as amigas e estar cerca delas. Fixémoslle unha canción para estar sempre con ela”, apunta Lucía Aldao.

Hai outra composición que escacha: “Odias a poesía”. Nela hai un verso no que deixan constancia de “deixar a vida adulta sen resolver”.

"A poesía realmente non vale para nada, só aporta preguntas"

“Tamén está en ‘Gramo Stendhal’ e escribín ese poema no confinamento. Como moitas persoas tiven a crise dos 40 na pandemia. Estaba antes nun estadio relaxado pensando no que conseguira da vida e de súpeto só quería saír, volver a 2005, un ano de entrega para nós pola festa e a vida. Fala da sensación de culpabilidade, un tema que me flipa. Por iso, son superfan de Macbeth”, reflexiona Lado quen engade que o poema indaga en para que “serve a poesía. Realmente non vale para nada, só aporta preguntas”.

Sobre ese salto dos poemas ao arquivo sonoro e mesmo audiovisual, Lado recoñece que “cando recitas o texto vaise cargando doutro significado. Hai escritos que nalgún momento van gañando contido”. “Moitas veces vivimos os nosos textos como premonicións”, completa Aldao, “como cousas ás que te adiantas. Tardo anos en comprender poemas meus”.

“A poesía ten esa capacidade de ser o contenedor do meu sentido, do teu... É o bonito que ten”, engade Lado mentres que a súa compañeira opina que a lírica “é a linguaxe amplificada”.