Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Festival de Poesía do Condado: 34 anos de lirismo e loita

O certame retorna mañá co saharaui Ali Salem e os galegos Anxo Angueira, Reixa, María Lado ou Lucía Aldao | Na música: Dakidarría e Mercedes Peón

Lucía Aldao terá o seu recital a partir das 20.30 horas. | // L.A.

O Festival de Poesía do Condado está unido na intimidade á historia contemporánea de Galicia. Este sábado –na súa edición número 34– retorna a Salvaterra do Miño coa súa misión cultural pero tamén social: lembrar as revoltas obreiras do 1972, das que se falará nunha mesa de ideas.

As voces poéticas foráneas que se poderán escoitar procederán do saharauí Ali Salem e do vasco-cubano Joseba Sarrionandia. Da casa, atoparémonos coa homenaxe a Luz Fandiño (‘a poeta analfabeta’), Antón Reixa, Regina Touceda, Carlos da Aira, Charo Lopes, Marga Tojo, Lucía Aldao, Anxo Angueira e María Lado nesta cita da poesía galega.

Estes tres últimos disertan sobre que supón participar no festival poético miñoto e sobre a súa poética. “É dos festivais máis míticos do país. Hai moitísimos anos que non vou. A primeira vez fun hai 20 anos con María Lado pero aínda non existiamos como Aldaolado, dúo poético-musical que forman. Vou con moita ilusión”, explica Lucía Aldao que no seu recital declamará principalmente de “Todo isto antes era noite” (Apiario) pero tamén incluirá algún poema anterior.

A poucas horas de oíla recitar, unha pregúntase que sente esta creadora cando declama. “Recitar a secas, como se fixo toda a vida, explica, fáiseme cada vez máis especial. Hai outra intimidade”, resume.

E neste xogo, para a creadora galega “non é vital” escribir poesía porque “se tivera que deixar de facelo, non pasaría nada. Outra cousa sería se tivera que deixar de cantar, iso amolaríame máis. Acompáñame máis no día”, para confesar: “Escribo porque me divirto” e por “inquedanza artística”.

Aínda que recoñece que a súa é unha poesía vivencial, defende que “non é interesante poñer o foco na suposta verdade. Que máis dá de onde veña o dato!”. Segundo o seu punto de vista, falar de se a creación poética de seu parte da ficción ou intimidade sería un asunto cun “interese próximo á prensa rosa poética, de rexouba”.

Posición diferente ante a mesma cuestión adopta Anxo Angueira. Na “Autopoética” do seu último libro, publicado este mesmo ano, “Palmeiras, piueiros” (Chan da Pólvora) escribe: “A miña é unha poesía de circunstancias, moi condicionada polo que pasa e polo que me pasa, polo que vexo e vivo”.

O recital de Anxo Angueira está previsto para as 13.00 horas. | // FDV

Na conversa con FARO, engade: “Eu non fago poesía do que non vivo. Eu coñecín a experiencia dos do piueiro e canteina; eu vivín a morte da palmeira da miña aldea en directo. Estaba alí vendo como ía morrendo pouco a pouco, como viñeron tronzala”.

Precisamente, o poema dedicado á devandita árbore, “Palmeira do señorito”, é o que abre o seu último poemario tras 15 anos sen editar material novo. “Non deixei de escribir poesía en todos estes anos”, aclara. “O que pasa –explica– é que chegou un momento no que pensei en dar a coñecer o contexto contemporáneo galego. O que motivou especialmente o libro foi a morte da palmeira emblema da miña aldea. Fíxome pensar sobre dúas ideas que gobernan o poemario: a finitude destas árbores e sobre os piueiros (barcos tradicionais d´A Guarda) que significan resurrección”.

Angueira, que é dono dunha dorna coa que ten participado anos atrás no descenso de embarcacións tradicionais no Festival de Poesía do Condado, recorda que a palabra piuiero é unha verba de A Guarda que se rescatou para bautizar unha embarcación tradicional da zona e que levaba desaparecida máis de cen anos. “Puxéronlle o nome de piueiro, que é a primeira pedra coa que se fondea a rede da volanta. Ademais, leva na vela a Rosalía de Castro”. Por iso é importante no libro a resurrección, a capacidade do ser humano de non deixar morrer as cousas”, defende Angueira quen confesa que lle garda “un cariño especial” ao festival do Condado.

Pola súa parte, a autora de “Gramo Stendhal” (Apiario), María Lado, destacou que se trata dun “festival de militancia polo que é agradable participar inda que me convida a reflexionar que me gustaría que as propostas musicais estiveran máis vencelladas ao lírico. Hai moita poesía escénica en Galicia”.

A poeta María Lado recitará ás 18.00 horas. | // DEMIAN ORTIZ

Sobre a súa creación poética, explica que comezou a escribir “moi nova, sen idea de dedicarme a escribir, porque me facía sentir ben e me reconciliaba comigo e co mundo. Empecei nun colectivo poético e recitei moitísimo dende sempre. Para min, recitar era mellor que saír de festa”. Cos anos, acabou dedicándose profesionalmente á escrita. “Non podo prescindir diso, non sería a mesma persoa”, revela unha creadora que recorre máis á ficción que á intimidade para escribir.

“Empecei –describe– escribindo dende unha cuestión máis autobiográfica porque buscas entenderte máis a ti mesmo desde o que escribes. Co tempo, veste abocada a escribir por encarga e a miña autobiografía non dá para tanto e tampouco me interesa. Chegou un momento que empecei a gozar moito da ficción, como un mundo que ti creas empregando a linguaxe. Non creo que teña menos validez que o mundo real polo que transitamos”.

Os Resentidos e O Rabelo tamén acudirán á festa

O Festival de Poesía do Condado ofrece mañá sábado, dende as 11.00 horas, unha programación de recitais, actuacións de música e encontros de fútbol gaélico e billarda. Non faltará o descenso en embarcacións tradicionais polo Miño, espectáculos infantiles e actuacións de xente como Dakidarría (sesión vermouth), O Rabelo (19.00 horas), Hertzainak, Mercedes Peón (21.30 horas) ou Os Resentidos (23.00 horas), Teresa Urquiola, Flow de Toxo (á unha da mañá), Liska! e Sapoconcho sen Poncho. Como engadido, máis de 30 colectivos, artesáns e editoras mostrarán a súa produción cultural. Para coñecer a programación polo miúdo, hai que entrar na web da organización a Sociedade Cultural e Deportiva do Condado ou no seu Facebook.

Compartir el artículo

stats