Os irreverentes Mofa e Befa, un clásico do teatro galego, cumpren 30 anos sobre as táboas dos escenarios. Onte e antonte celebrárono en Vigo, a súa casa, ofrecendo o seu último espectáculo, “Pirolíticos”, na sala Ártika. Hoxe, ás oito da tarde, será a terceira oportunidade para gozar na urbe desta nova entrega na que se rirán e farán reflexionar sobre a masculinidade e o feminismo sempre dende o respeto pero con humor. Así que por favor que ninguén se bote as mans á cabeza ante esta historia que comeza con dous rockeiros.
Sobre os 30 anos, Evaristo Calvo, un dos integrantes xunto a Victor Mosquera, recoñece que é case “un matrimonio” de tres décadas “cos seus máis e os seus menos. É unha relación amistosa, artística e amorosa, por que non? Sempre estivemos a piques de celebrar un aniversario pero fuxiamos dos números redondos. Queriamos celebrar o 17 ou así pero ao final decidimos facelo cos 30 e cun espectáculo que supuxese un xiro nas motivacións nosas”.
Esa obra é “Pirolíticos” na que ofrecen un manual para someterse a un proceso de limpeza como os dos fornos pero aplicado a dous individuos. “Debe ser o ser humano o que se debe limpar de prexuízos e pensamentos tóxicos sen esperar a que a solución veña de fóra. Falando do heteropatriarcado e cultura dominante patriarcal, o que debemos facer os homes é atender e intentar comprender o feminismo e encargarnos de nós mesmos. Ademais, na linguaxe coloquial feminista chámannos aos homes pirolos”, reflexiona Calvo quen foi dirixido con Mosquera por Clara Gayo inda que o texto partiu das escritoras Lucía Aldao e María Lado.
“En canto á estrutura do contido empezamos por plantexar que o feminismo parece que incomoda a moitos homes porque cren que cuestiona a súa masculinidade. Despois pasamos a exhibir contradicións do home diante do fenómeno para despois chegar a unha parte máis divertida na que plantexamos cales poderían ser as solucións. Cara o final do espectáculo, dicimos que non atopamos solución porque se xente sesuda non a encontrou, que imos facer dous paiasos? Acabamos facendo unha escena sen propósito cómico claro pero si reflexivo sobre a comprensión do papel subxugado da muller na sociedade á que se lle esixen cousas que non se lle piden aos homes”, resume o intérpete de Mofa e Befa.
Evaristo Calvo destaca que “tanto Lucía como María son dúas mulleres que teñen visión crítica das cousas, non tenden a un vitivismo patolóxico. Clara, a directora, ten máis preocupación polo ideolóxico. Nós, Mofa e Befa, facemos comedia, xogamos sempre desde a ironía e ela fixo aportacións moi interesantes”.