Entrevista | David Rubín Debuxante, guionista de banda deseñada

“Cada vez teño menos esperanza nun futuro alentador para a humanidade”

“O lume” pecha un círculo; voume reinventar a partir de aquí”, avisa para anunciar novos traballos para o mercado de EEUU

David Rubín, onte na Libraría Paz, en Pontevedra.

David Rubín, onte na Libraría Paz, en Pontevedra. / Rafa Vázquez

Mar Mato

Mar Mato

Asegura o gran mestre Paco Roca que lle encantaría ter realizado “O lume”, a última banda deseñada do ourensano David Rubín. O autor galego recoñece que é a súa obra máis madura. Desta volta, apóiase na ciencia ficción, nun arquitecto que deseña unha cidade na Lúa para salvar a parte da humanidade dun meteorito. Porén, non é un heroe. “Construiu a súa vida nun castelo de naipes de mentiras”, unha imaxe deformada que lembra os filtros nas redes sociais actuais, critica o autor que hoxe asina exemplares en Banda Deseñada, Vigo.

En tres semanas de posta á venda, esta obra mestra de coidadísima edición está a piques de esgotar a tiraxe en galego de Demo (1.200 unidades) e vai camiño de facer o mesmo na española de Astiberri (5.000 libros vendidos dos 6.000 editados). Un éxito total para un home que prepara dúas obras –de western e vampiros– para o mercado de Estados Unidos no 2023 e outra en España para 2024.

–Cal é o xermen de “O lume”?

–Vén de atrás. Pretendía que seguise a “O heroe” hai dez anos pero viñeron as colaboracións con outros escritores, a miña carreira nos Estados Unidos e iso demorou todo. Nese tempo, sempre voltaba a “O lume” para avanzar no guion e reescribilo. Co paso dos anos, íanme pasando cousas a nivel persoal como ser pai. Asemade o mundo cambiou e tamén o fixo o xeito de enfocar a obra aínda que o argumento base dun meteorito que se dirixe á Terra, a fin do mundo, a carreira desesperada contra a enfermidade e a tolemia estivo sempre.

Páxinas de “O lume” de Rubín.   | // FARO

Páxinas de “O lume”, de David Rubín. / mar mato

–A conexión con “O heroe” está dende o arranque no relato e no tratamento visual da viñeta.

– “O lume” é unha especie de peche dun círculo, pecha unha páxina da miña vida, non sei a que nivel. Non sei como vou evolucionar despois. Vou reinventarme a partir de aquí. É un reverso escuro do que simboliza “O heroe”. Esta, na que conto moitas cousas persoais e do mundo que me rodea, tiña un hálito de esperanza sobre o mundo. Dez anos despois esa esperanza minguou moitísimo, cada vez teño menos esperanza para un futuro alentador para a humanidade. Iso refléxase en “O lume” cun guion máis pesimista, desencantado pero máis maduro. Cando fixen “O heroe” era un ‘trintañeiro’ que quería comer o mundo e agora teño máis de 40, canso de certas cousas da vida e noutras desencantado.Todo iso reflíctese na obra.

–Logo hai trazos seus no protagonista, Alexander Yorba.

–En todos os personaxes nos que teño traballado, intento meter cousas de min neles, só que eu non son tan fillo de puta coma el. Intentei ser o máis honesto posible. Plasmei os personaxes con todos os seus erros, aristas.Ningún de nós somos seres de luz. Agochamos pedras baixo a alfombra. Plantexo que pasaría se nun caso extremo esas pedras che saltasen á cara e te estouparan. Eu utilizo a Alexander como monicreque para falar do que me preocupa do mundo. Vai apodrecendo na mente e no físico na obra; é unha metáfora do mundo corrupto que nos rodea, que ten un cancro, o neoliberalismo.

–Hai chiscadelas con graza como a droga (Kriptoína); Pull&Bear transfórmase en Pull&Fear; hai un fármaco do suicidio indoloro...

–Son pequenas pílulas que axudan ao lector a formar unha imaxe máis completa dese mundo que describo. Traballeino a nivel subliminal para crear unha atmósfera do relato para empatizar cos personaxes incluso cos imperfectos como o protagonista co que é difícil empatizar.

–E hai prostitución de robots.

–Eu non vaticino nada, non sei como será o futuro pero analizo o entorno actual e vexo o auxe da Intelixencia Artificial, das fake news. Alexander lévanos ao Barrio Vermello de Amsterdam onde pode foder cun robot, cunha máquina que non ten dereitos. Iso abre vacíos legais que permitirían á xente maltratar a esa representación física humana. É a sublimación da falta de humanidade que cada vez vexo máis en boga. Non o idealizo, aviso.

Suscríbete para seguir leyendo