CLUB FARO

“Nunca o espazo público é un proxecto acabado, precisa dun balance contínuo”

Os arquitectos Luciano Alfaya e Teresa Táboas falan coa alcaldesa Cristina Fernández e co deputado Uxío Benítez da necesidade global de facer as cidades máis amables coa xente

Teresa Táboas, Uxio Benítez, Cristina Fernández e Luciano Alfaya, onte, en Ponteareas.  | // RICARDO GROBAS

Teresa Táboas, Uxio Benítez, Cristina Fernández e Luciano Alfaya, onte, en Ponteareas. | // RICARDO GROBAS / D.P.

D.P.

O Club FARO levou ao salón de plenos do Concello de Ponteareas un coloquio sobre urbanismo, no que, onte á noite, se puxeron na palestra as claves da humanización das cidades. Ponteareas foi un dos exemplos de éxito. Participaron Teresa Táboas, arquitecta e integrante do Consello da Unión Internacional de Arquitectos; Luciano Alfaya, arquitecto, director da estratexia urbana “Hábitat Saudable” para Ponteareas; Uxío Benítez, deputado de Mobilidade e Espazo Público da Deputación de Pontevedra; e a propia alcaldesa da localidade, Cristina Fernández Davila, que tamén exerceu como moderadora.

Para Teresa Táboas o espazo público é unha cuestión vital. A pontevedresa, que tamén tivo responsabilidades políticas en Vivenda e Urbanismo na Xunta durante o bipartito, asegurou que “no espazo público de calidade constrúese a sociedade e a democracia”. Na súa primeira intervención enfatizou no feito de que “o espazo público tén unha importancia tremenda na construción da democracia”, falando como coñecedora dos avances no mundo nesta materia.

Falando na casa, o arquitecto Luciano Alfaya, que pasou parte da súa mocidade en Ponteareas, referiuse ao seu traballo para a humanización da localidade, unha vila que, segundo explicou despois Teresa Táboas, tivo un dos urbanismos máis caóticos de Galicia. Porén, para Alfaya, unha das claves no traballo de recuperación das cidades para as persoas pode ser a necesidade da contínua revisión e análise pois “nunca o espazo público é un proxecto acabado” para o urbanista. Outro dos apuntes no faladoiro foi a reivindicación dun espazo para a xente nun momento de cambio da sociedade “estamos na dixitalización, na redistribución do tempo, e precisase máis espacio para as persoas nas rúas”.

Apuntou Alfaya que é preciso facer cidades nas que se viva, con incorporación de vivenda pública e destacou un período longo de transformación na fronteira dos 14 anos. De Ponteareas dixo que “temos que pensar na cidade de 2030 ou 2035 e integrar o espazo pulmón” en referencia ao Tea e as súas marxes”

O traballo de Ponteareas foi exemplo de transformación no coloquio xunto con Pontevedra ou Tomiño. Así, Uxio Benitez destacou que é precisa valentía e coherencia para actuar como se fixo nesta localidade. Tamén puxo de exemplo o traballo na rede de estradas provinciais porque, según dixo, “a Deputación de Pontevedra é a única que entendeu que as infraestructuras teñen que adaptarse ás persoas”. Falou de “pensar globalmente para actuar localmente” e puxo de novo o acento no traballo do goberno ponteareano, incluído na rede Ágora da Deputación, un espazo de debate e mellora de coñecementos onde a vila do Tea foi modelo pola súa transformación “cuns datos dos que podemos destacar os máis de 200.000 metros cadrados de espazo público recuperados para as persoas en 39 concellos”.

A alcaldesa de Ponteareas tamén quixo facer algunhas anotacións do traballo realizado en Ponteareas no anterior e neste mandato, destacando que a recuperación do espazo público era un obxectivo para estar na vangarda e tamén unha materia pendente da vila. “Nós viramos a maneira de entender a cidade para facela das persoas”, dixo.

A rexedora destacou que coa humanización non só se logrou darlle máis importancia ás persoas na vila senón que tamén que se puido eliminar contaminación que non era visible.

Fernández destacou que a política transformadora que se iniciou co proxecto Ponteareas Hábitat Saudable, dirixido polo propio Alfaya, inclúe outras medidas como o combate contra o CO2, apostando polas tecnoloxías LED na iluminación e levando máis árboles ao centro.

Ademais fixo fincapé en que a recuperación do espazo público non impide que os coches poidan entrar no centro urbano para casos xustificados e non superando os 10 km por hora. “Agora alguén que precise ir a unha óptica e non teña mobilidade pode chegar xusto á porta”. Na súa intervención abarcou todas as áreas que abranguen as medidas tomadas incluídas a da igualdade e a da dinamización social.

“A nosa vila é agora unha vila 10, non só porque en 10 minutos se pode estar en calquer lugar estacionando nos aparcadoiros que estamos implementando, senón tamén polo 10 do sobresaliente ou a excelencia”, dixo a alcaldesa.

No momento do coloquio coas persoas presentes, Luciano Alfaya insistiu en que non se pode ter o río de costas á vila na que residen 13.000 personas e Teresa Táboas expuxo a necesidade de cambiar as ideas e “aprender a lección das cousas mal feitas no pasado”, onde os espazos públicos eran residuais da especulación. Así, falou da necesidade de “meter o campo na cidade”.

Das intervencións do público extráese a necesidade de seguir impulsando aparcadoiros que non alonxen os compradores e as compradoras do comercio tradicional, ou a necesidade de solucións que permitan seguir avanzando nos espazos que rodean a urbe. Nese senso a rexedora ponteareana expuxo a idea de unir varias parroquias do termo municipal con sendas para camiñar, un proxecto xa comenzado co sendeiro que conecta o casco co colexio Ramiro Sabell e que segue ata Fontenla.

Suscríbete para seguir leyendo