Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A endometriose, a bruxería e a violencia sexual, eixos dunha exposición en clave feminina

Pode convertirse en arte que unha doutora chame histérica a unha paciente? Si e demóstrase na mostra “Dende a fenda” inaugurada en Vigo

Un momento da performance de Constance Hurlé onte na inauguración da mostra. DEP

A programación do 25-N non deixa de lado a arte. Na exposición “Dende a fenda”, comisariada por Paula Cabaleiro e inaugurada onte na sede da Deputación en Vigo por Carmela Silva, dez creadoras de arte contemporánea galega reflexionan dende onte sobre a fenda de xénero. Abuso sexual ou violencia de xénero, bruxería, identidade ou machismo na sanidade son algúns dos temas que abordan.

Entre as creadoras, atópase Neves Seara que presenta “ Autorretrato para DNI”. Neste cartaz, emprega a fotografía para renovar o DNI que “é a cara de presentación ante o público”, explica para por diante da faciana un texto vermello con frases que leva escoitando anos na procura dun diagnóstico para a súa doenza.

Acto de inauguración da mostra. Deputación

“Tras visitas a urxencias e ingresos hospitalarios nos que non me dicían de onde proviña a hemorraxia interna que tiña”, sinala finalmente recibiu a conclusión: endometriose.

Pero ata chegar a ese diagnóstico, a creadora denuncia que recibiu moitas veces “trato patriarcal. Unha xinecóloga muller chegou a dicirme que era unha histérica e outro xinecólogo espetoume: ‘Si hubieras sido diagnosticada, ahora podrías ser madre’”.

Con esta peza, Seara quere reflexionar sobre que o “feminismo ten que traballar en todos os ámbitos profesionais e que non por ser mulleres estamos exentas de ser machistas”.

Outra obra súa en “Dende a fenda” reflexiona sobre a violencia sexual contra a muller. Faino nunha instalación con cinco camisóns de mulleres de diferentes épocas postos en círculo e que foron recollidos da súa familia ou contorna.

“Representan que sufriron abuso, violencia sexual ou impedimento para abortar por parella e familiares. Cada camisón ten unha foto dunha ruína ou ósos.É unha obra intimista que de forma íntima e visceral, case animal, traslada esa sensación das mulleres que sufriron eses abusos”, detalla.

Outra artista que amosa obra na mostra é Rebeca Lar que presenta catro pezas. Unha denomínase “El miedo y la resistencia” e a outra “Testigos de confianza” e ambas as dúas teñen que ver coa bruxa e a reintepretación dos actos da fe da Inquisición nos que lles poñían na cabeza uns gorros de tea con debuxos que facían alusión aos seus castigos e supostos pecados.

A outra peza de Lar, un cadro, tamén bota man dos bordados, co texto dun poemario que defende a idea da bruxa como unha figura indepedente e rebelde. “O obxectivo é darlle a volta ao estereotipo da bruxa, asociado a cousas malas da muller,para dicir cousas boas dela e poñer en valor a súa independencia”, resalta a artista.

A Deputación tamén inclúe nesta exposición obra de Xisela Franco, Mar Caldas, Amaya González Reyes, Itziar Ezquieta, Mery Pais, Chelo Matesanz, Mar Ramón e Nuria Ruibal, vencelladas todas á Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

Momento da performance de Hurlé. Deputación

Por outra parte, Constance Hurlé protagonizou a performance “Vísceras poéticas” como apertura do acto. Nela, fixo un percorrido “polas vísceras do que para min implica a palabra muller e ser muller”. Como exemplo, traballou xestualmente as posturas e posicións "absurdas" que as mulleres adquiren nas revistas de moda. Tamén incluíu unha acción de body painting pola que pintou o seu corpo de vermello, pintura que quedou plasmada nun plástico que forma parte da mostra e que presenta a frase: “Podo ser libre pola miña propia vontade. En min atópanse as sementes da miña vida futura”.

Por último, a Deputación prosegue hoxe cun nutrido programa de actos polo 25-N. O MARCO acolle esta tarde, ás 18.00 horas, Mulleres en Acción Violencia Zero que inclúe a acción "Canon circular" coas artistas Iria Sobrado, Ana Gesto e Helena Salgueiro.

Compartir el artículo

stats