Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Rebeca Lar en vermello, gritos e tebras

Violencia: da representación á obxectualización

Un dos momentos da mostra nas instalacións de Apo'strophe. FOTOS: ELI REGUEIRA

A mostra da artista Rebeca Lar Vermello, gritos, tebras, que se pode contemplar en Apo'strophe.arte, parte do textual levado a variados soportes, dando unha relevancia central ao proceso, orientado desde unha perspectiva de xénero, coa figura da bruxa como elemento nuclear, usando a palabra como concepto artístico, onde a violencia xoga un papel relevante, como o propio título da mostra suxire.

A relación entre a violencia e mais a arte é unha ligazón natural, como a que se establece en calquera outro ámbito da actividade humana, en que a realidade da violencia é unha presenza constante, e, en certo sentido consubstancial.

Outra cuestión, de extraordinaria importancia para entendermos o feito, é a vinculación que se establece entre a presenza da violencia no ámbito estético e a súa utilización por parte dos creadores e a recepción social que favorece.

É evidente que historicamente a violencia foi "representada" e que esta "representación" implicaba unha asimilación e/ou unha xustificación da mesma. Desde as representacións prehistóricas da caza ou as imaxes de poder ligadas á guerra con escenas de violencia de vencedores e vencidos, a arte non fixo máis que transmitir o feito violento xa dixerido e asimilado como manifestación de poder, en certo sentido lexitimado ao ser representado.

Outro tipo de representación da violencia, tamén ben asimilada, é a que nos ofrece imaxes de sacrificio, de heroísmo ou martirio, ligadas a todo un sistema ideolóxico-relixioso que serve de soporte e xustificación deste tipo de representacións, a nosa arte desde a Idade Media até o barroco é fiel expoñente desta utilización da imaxe.

Todas estas manifestacións artísticas da violencia teñen en común o feito de non poren en cuestión a mesma, de manifestaren a súa asimilación e comprensión, de xeito que o representado non só se entende senón que serve para reforzar unha serie de valores e mecanismos de comportamento de sociedades concretas.

Este esquema vai permanecer inalterábel até hai ben pouco tempo. Haberá que esperar á irrupción da individualidade na sociedade occidental despois do Renacemento para percibir síntomas de mudanza. Mais será coa Ilustración cando a reflexión sobre o papel e o valor da violencia acabe por adquirir un novo sentido

Xa na obra de Jacques Callot, artista francés do século XVII, podemos observar como a descarnada representación da violencia, aínda que aparece xustificada nos textos que acompañan os seus gravados ( Grandes Misères de la Guerre, 1633) no seu propio exceso e na maneira de representalo insiren un desacougo e unha incomodidade non presente con anterioridade nas representacións violentas.

Os Desastres de la Guerra de Goya son, pola súa calidade formal, mais sobre todo polo tratamento do tema e o punto de vista asumido polo artista, un punto de inflexión no que atinxe á representación da violencia. Goya sitúase como testemuña do terror e xa non hai xustificación para o mesmo, ningunha toma de postura ideolóxica, política ou relixiosa serve de escusa para o espantoso terror que se nos presenta. A partir del a representación do tema adopta a ollada da vítima, o que abre un xeito novo de enxergar a realidade.

A violencia representada seguirá presente no século XIX e XX e a pegada goyesca será ben perceptíbel, por exemplo, en moitos creadores que presentan o terror da nosa Guerra Civil, entre eles os galegos Castelao, Souto, Colmeiro ou Federico Rivas.

Título: Vermello, gritos, tebras

Artista: Rebeca Lar. Locla: Galería Apo'strophe.arte, Vigo até o 31 de xaneiro

Entre a crítica e a sedución

  • Nun mundo (o do XIX e XX) no que os debates políticos se exacerban e a toma de postura ideolóxica dos artistas se manifesta con claridade, a violencia agroma normalmente ligada á crítica do inimigo ou á representación do mal en concreto e en abstracto. Quizais este territorio da arte da violencia representada culmine cunha obra de carácter tan excepcional como o Guernica, que pola súa capacidade de esencializar a representación do terror, fecha un mundo e abre outro, no que os campos de exterminio nazis e a bomba atómica van transformar definitivamente a magnitude da traxedia e da violencia. Se a arte era, até o noso tempo, representación, a progresiva evolución da mesma vainos levar a un territorio distinto pasando da representación á obxectualización, no que a arte ten sentido per se. E este vai ser o novo territorio no que se abroche a violencia na arte contemporánea. Tendo en conta este punto de partida, en que coordenadas se sitúa a representación da violencia contemporánea? En xeral movémonos nun espectro formal e temático ben amplo, que abala entre a sedución e a crítica social e que ten como un dos elementos distintivos a obxectualización do corpo, presente en moitas das representacións da violencia contemporáneas. O traballo de Rebeca Lar insírese nesta coordenadas, facendo fincapé no lingüístico e o procesual, cunha vontade analítica, aspecto en que se sitúan as maiores virtudes do súa creación artística.

Compartir el artículo

stats