O músico e compositor Santiago Ferragud falou onte no Club FARO da súa novela Todo chega desde o mar” (Editorial Medulia), nun coloquio no que Manuel Bragado (colaborador deste xornal) fixo as labores de presentador, cualificando a obra como “unha engaiolante pescuda da memoria viguesa”.

“Ferragud reconstrúe co rigor e o detalle do historiador e co alento do narrador natural, algo que é moi difícil, os episodios esenciais da historia dunha cidade ocupada sempre no seu difícil e convulso presente, mais que ten conciencia que o seu pasado a compromete”, engade Bragado. “Todos os episodios proporcionan claves para entender as orixes dunha cidade na que todo chegou dende o mar. Ferraguz é capaz de ofrecer todo este material grazas a dúas materias esenciais: unha memoria fértil e un amplo coñecemento histórico”; coas que consegue crear unha novela que fala “dun Vigo orgulloso do seu pasado obreiro, portuario e fabril”.

“A folga do 72 foi un éxito político; foi un fenómeno que conmocionou a todo un país”

Ferragud tomou a palabra e dixo que tratou de “manter a distancias”, non estar presente no relato, “saírme fóra para contemplar unha cidade case descoñecida”, algo que só conseguiu na primeira parte. Cando chegou a Tirán, non puido “evitar volver a algunhas noites dos anos 60, cando soaba o teléfono e o meu pai pedíame que o acompañara á Ribeira, aos peiraos do Berbés”. Os domingos, Ferragud ía co seu pai ás casas dos empresarios (“armadores, xente de poderío”), de Bouzas, “contemporáneos de meus pais”, casas nas que tamén “había avós ós que lles gustaba falar dos principios dos negocios das súas familias”, conta. Fala así na obra da conversión de Vigo nunha cidade industrial. “En 1913 do porto de Vigo marcharon 733 transatlánticos. Aquí facían a última carga e empezaban a proverse de conservas, as fábricas de sazón convertéronse en fábricas de conservas, montáronse tamén os estaleiros. Son anos vertixinosos en Vigo e a cidade triplica a súa poboación”. Dende entón, “vimos outra forma de entender o mundo e convertémosnos nunha xuventude incómoda; comezan a formarse as Comisións Obreiras, para nós os comunistas naquel momento eran absolutamente abraiantes”, di Ferragud, que apunta que “a folga do 72, nunha cidade tan tranquila, foi unha sorpresa”. “Foi, aparentemente, un fracaso técnico, porque non se conseguiron ningunhas das reivindicacións sindicais, pero o éxito político foi total; durante 15 días mantívose a cidade paralizada, foi un fenómeno que conmocionou a todo un país”.

Ese marca o inicio dun traballo que relata outros episodios históricos como o ataque de Pedro Madruga no século XV, a incursión do pirata Drake un século despois ou a batalla naval de Rande de 1703, até o pulo acadado pola frota corsaria viguesa dos Marcó del Pont de fins do século XVIII e a expulsión heroica dos franceses, mito fundacional do Vigo contemporáneo. Pero relata tamén outros episodios máis recentes como os últimos fusilamentos franquistas de setembro de 1975, a do primeiro atentado do Grapo e a traxectoria dalgúns membros deste grupo armado ao longo de 25 anos até o asalto ao furgón blindado da estrada provincial. “Ese episodio relátoo como eu o vivín. Son capaz de rememorar, con toda precisión, o cheiro. Eu creo que a guerra ten que cheirar así”. conta.

“Os días previos ó golpe militar do 36 foron os máis terribles para min de escribir. Aí descubrín moitas cousas que eu descoñecía”, di sobre o valor histórico da novela.

Ademais de recomendar a lectura de “La Ciudad y los Días”, de Xosé María Álvarez Blázquez, fala tamén da estratexia do seu libro: “Ten estacas cravadas nos puntos esenciais históricos”, para rematar a charla con varias conclusións que sacou tras escribir este libro: “Máis que conviccións hai que buscar dúbidas e que as cidades constrúense con pensamento e con filosofía, con épica, case sempre, por desgraza, con violencia, pero tamén con poesía, que é a que nos dá unhas pistas máis realistas e ambiciosas”.

Unha obra que reflicte a paisaxe de toda a vida do autor malia que el non apareza

“Todo chega desde o mar: ideoloxías e lendas, animais exóticos e invencións mecánicas, santos e soldados, restos de naufraxios e obxectos que alguén, nalgún afastado lugar, deixou de amar”. Este é un dos fragmentos da obra de Santiago Ferragud, que fala na súa obra dun encontro entre dúas mulleres: Irene, contemporánea da folga do 72 e profesora da universidade a piques de xubilarse; e Xoana, unha nova licenciada recentemente chegada a Vigo. O vínculo que se crea entre elas serviralle ao autor para facer unha viaxe pola historia da cidade, rememorando etapas como a folga do metal, en 1972, que conseguiu paralizar a cidade olívica; o nacemento, tres anos máis tarde, do Grapo, fundado por algúns daqueles folguistas; ou etapas anteriores como a de 1931, onde a anterior xeración de vigueses fixo que a cidade fora a primeira do país en proclamarse republicana, á que lle seguiron “os cinco anos entusiastas, radicais e convulsos da República”. Tamén fala no libro das sinistras intrigas previas ao alzamento militar e a represión á que foron sometidos os republicanos na Illa de San Simón.

Máis coñecido pola súa traxectoria musical (fundou en 1965 a banda de rock and roll Los Temples e logo, en 2010, Xardín Desordenado, que vén musicando a poetas galegos) Ferragud descobre con esta obra a súa faceta literaria, aínda que nunha entrevista no suplemento do Faro da Cultura (na súa edición do 15 de setembro deste ano) chegou a confesar que “en min a literatura é moi previa á musica”. “Este é un libro que viña escribindo dende hai moito tempo e, dalgún xeito, malia que eu non apareza, reflicte a paisaxe de toda a miña vida”, engade.