Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

LEDICIA COSTAS | Escritora, Premio Lazarillo

Ledicia Costas, gañadora do Premio Lazarillo: “Non me entra na cabeza ver un medallista olímpico animando a apostar”

“Paréceme perigoso e pernicioso”, advirte a escritora que trata a ludopatía entre a rapazada no seu último libro, “A lebre mecánica”

“Non me entra na cabeza ver un medallista olímpico animando a apostar”

“Eu non quero dar leccións cos meus libros. Quería escribir unha historia onde o principal fora a emoción, que empeces a ler e non queiras parar de lela ata o final”. O obxectivo que describe a autora galega Ledicia Costas está abondo logrado en “A lebre mecánica” (Xerais), editado tamén en castelán por Anaya. A obra da literatura galega fixérase o pasado ano co Premio Lazarillo de Creación Literaria e xa se atopa nas librarías de todo o Estado.

–Como xorde a idea deste libro?

–Xorde de que as miñas novelas máis queridas pola mocidade son “Unha estrela no vento” e “O corazón de Xúpiter” , obras de realismo social. Seguindo o ronsel daquelas novelas que me gustaban de moza como “Rebeldes” ou “La ley de la calle” reflexionei que lles debía aos lectores outra novela así. Onde eu vivo, no barrio de Navia en Vigo, hai unha pista de skate e vexo as mozas e mozos que van alí. Tamén hai unha casa de apostas. Xuntando esas dúas ideas naceu o libro.

–Desta vez, supoño que, como noutros traballos teus, faría un labor importante de documentación.

–Si, documenteime e fixen traballo de campo. Eu mesma fun a casas de apostas para ver como era a mecánica. Deime de alta nalgunha páxina de apostas para ver como funcionaban. Nese sentido, foi un traballo moi intenso. A novela, é breve; está todo condensado pero a escrita levou un traballo de documentación importante.

–Chegou a falar con algún rapaz ludópata ou que aposta?

–Falei con varias profes de Secundaria porque eu non coñezo a ningún rapaz que aposte. É un tema moi delicado. Non é fácil de sacar (nunha conversa).Sigo perfís en redes de persoas de vinte e poucos anos que contan cal foi a súa experiencia coa ludopatía. Relatan con detalle como foi o proceso de acabar padecendo esa enfermidade.

–Que lle chamou a atención do que lle comentaron as profesoras?

–O cambio de conduta, como afecta ao rendemento (académico), como case sempre sucede da maneira máis casual. Empezan apostando a partidos de fútbol para ter un incentivo. Non é o mesmo ver un partido sen máis que ver un onde podes gañar 15 ou 20 euros. Ás veces empeza do xeito máis anodino para converterse nunha espiral de problemas da que é difícil saír.

–Un dos capítulos comeza co pensamento do protagonista, Corvo, ao sinalar: “É moi excitante entrar nun local de apostas por primeira vez”. Que sentiu vostede?

–Quedei impresionada porque está todo tan rodeado de misterio, os cristais tinguidos de escuro, non sabes o que hai ao outro lado. Entras e todo son estímulos, sons, luces... Todo convida á festa, á diversión. Eu vin grupos de mozos que vían partidos que en vez de estar na casa estaban alí véndoo. Intenteime poñer na pel dun mozo con ganas de xogar, que eu non tiña. A min, gústanme moito os videoxogos e recordei o que sinto eu cando un deles me emociona para poñerme na pel desa rapazada.

–Cre que nos últimos anos avanzouse no lecer da rapazada ou que hai falta dunha oferta sana?

–Teñen acceso a todo. Cando eu era moza, lémbrome cunha consola nunha man e un libro na outra, pouco menos. Agora, hai moitos que o aproveitan. Eu non intento demonizar a mocidade que sempre está á cabeza das tendencias. Cando vou aos encontros de Secundaria, hai moitos libros que me recomendan eles. Saben moito.

–Referíame a se escasean espazos públicos de lecer para eles. A pista de skate de Samil pasa parte do ano anegada e impracticable.

–Que rabia! O de Samil é tremendo pero teño que dicir que a de Navia está impoluta. Cando eu era moza a xente nova case sempre se xuntaba nos salóns de xogo. Lembro moitas tardes de domingo pasadas alí. Igual non se avanzou tanto.

Ledicia Costas, en Navia, Vigo. Mar Mato

–O amor está moi presente.

–No fondo, é un libro sobre o amor e o desamor, sobre unha ruptura dunha parella que se quere moito pero que non consegue comprenderse.

–É incrible, quérense moito pero non se dan comunicado.

–Hai como un muro que non conseguen derrubar. De súpeto, algo cambia e xa non hai volta atrás. Tamén é unha historia sobre aprender a deixar as persoas atrás. Creo que as primeiras veces de todo marcan.

–Por que “A lebre mecánica”?

–Pareceume moi significativo descubrir que o que soltan na carreira de galgos son lebres mecánicas que circulan a unha velocidade lixeiramente superior á que poden dar os cans. Por iso, pareceume “A lebre mecánica” un título perfecto para unha novela sobre apostas.

–Necesitan os mozos máis información sobre a ludopatía?

Hai persoas que están metidas en espirais e non saben como saír. Hai que poñer o foco en cuestións fundamentais. Hoxe en día por desgraza o tema da ludopatía está ao alcance da man co móbil. Mesmo deportistas de prestixio están animando a que apostes e xogues. Ata non hai moito, o Real Madrid tiña patrocinio de Bwin. Paréceme perigoso e pernicioso. Cando vexo un medallista olímpico animando a apostar non me entra na cabeza.

Compartir el artículo

stats