Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O fito histórico da poética galega nos premios nacionais

Nos últimos sete anos, nove obras en galego lograron un galardón do Ministerio, seis por libros de poesía | Estamos ante a mellor poética da nosa historia con perdón de Codax e Rosalía?

Tres exemplos en Librouro de premios nacionais que logrou a poesía galega nos últimos anos. Marta G. Brea

O pasado sábado, na libraría Librouro de Vigo, a fotógrafa do FARO Marta G. Brea afanábase coa libreira Amparo en compoñer unha foto para unha reportaxe sobre os premios nacionais de poesía. Na imaxe faltaba o gran protagonista, o último libro en galego en lograr o galardón, “Lixeiro”, de Ismael Ramos. Estaba esgotado no establecemento pero tamén na editorial.

O máximo responsable de Xerais, Fran Alonso, confirmábao horas despois: “Esgotouse nos dous días despois ao fallo. A xornada que se deu a nova, xa dei a orde de reeditalo porque me daba o corpo”. A previsión, se imprenta e papeleira o permiten, é que en semana e media poida estar a segunda edición, cuns 600 exemplares máis.

Ismael Ramos, días despois de lograr o Premio Nacional este mes. Xoán Álvarez

Desde o ano 2015, un total de nove obras escritas en galego conseguiron ser premio nacional de ensaio, literatura infantil e xuvenil, narrativa, poesía e poesía nova.

Se nos fixamos nos libros de poesía, estes acadaron seis destas distincións, unha das máis importantes do Estado: Gonzalo Hermo no 2015 con “Celebración” gañou o Poesía Joven; en 2017 “Poemar o mar”, de Antonio García Teijeiro, logrou o Nacional de Literatura Infantil cun poemario; dous anos despois Pilar Pallarés conseguía o de Poesía con “Tempo fósil” ; logo virían Alba Cid co Nacional de Poesía Joven con “Atlas” e Olga Novo con “Feliz Idade” logrando o de Poesía, para este ano gañar Ismael Ramos o de Poesía Joven.

Esta cifra tan considerable nestas distincións significa que estamos ante a mellor poesía galega de todos os tempos? [Desculpas se alguén se ve ofendido por intentar superar aos poetas medievais ou a Rosalía de Castro, Curros e Pondal; Xeración Nös ou Ferrín e compañía].

A poeta Olga Novo –que participa esta semana no Festival Kerouac de poesía en Vigo– recoñece que “a literatura galega goza de boa saúde como gozou tamén noutras épocas, pero non creo que agora sexamos mellor que os que nos precederon”.

Olga Novo. | O.N.

Non resulta doado neste país lograr unha reedición dun poemario en galego, tampouco que sea traducido a outros idiomas para campar noutros mercados literarios e moito menos gañar o Premio Nacional.

Segundo o seu punto de vista o que acontece é que “probablemente noutros tempos había autores tan merecentes dese premio como os que o recibimos agora pero no Estado español non había a apertura nos xurados como a que estamos agora vendo. Creo que responde a unha apertura de miras, a unha maior pluralidade e atención á diversidade lingüística. O ano pasado, por primeira vez, o Premio Nacional de Poesía recaeu nunha poeta vasca por un libro en euskera”.

Alba Cid. | XOÁN ÀLVAREZ mar mato

Alba Cid pide, dende o seu punto de vista, “precaución. As persoas que fomos premiadas temos a sensación de que se vive como un premio comunitario que dá visibilidade á poesía galega; pero á vez son consciente de que isto responde a un momento determinado e ás sensibilidades do xurado de cada ano. Iso non quita que nos dea para reflexionar, para que as institucións se paren a pensar sobre o que está acontecendo coa poesía galega”.

Pilar Pallarés. | VICTOR ECHAVE

Pola súa parte, Pilar Pallarés confesa que ten “reflexionado moito sobre o que supón o Premio Nacional”, ela aínda lembra os comentarios críticos de voces da ideoloxía de dereitas na prensa estatal que poñían en cuestión se o seu poemario realmente tiña calidade ou se recibira o Nacional para darlle unha palmiña nas costas ás reivindicacións das linguas cooficiais.

“Ao recibilo, ao ano seguinte, estás no xurado. Neste, sempre hai un representante do Instituto de Estudos Cataláns, outro da Academia vasca e outro da Real Academia Galega, neste caso, Ana Romaní, polo que había excepcionalmente no 2020 dúas persoas galegas no xurado”, detalla.

É un milagre que se elixa unha obra escrita nun idioma diferente ao castelán

decoration

“ Tanto a ela como a min –prosegue– parecíanos moi difícil que ese ano (2020) lle deran o Nacional a un libro en galego por segundo ano consecutivo. Pero nin ela nin eu tivemos que loitar polo libro de Olga Novo, ‘Feliz idade’, que foi escollido case por unanimidade polo xurado. Non pesou de forma nin positiva nin negativa que fora unha obra escrita en galego ou que quen o escribira fora unha muller. É un xurado moi español-madrileño co que queda claro que é un milagre que se elixa unha obra nun idioma diferente ao castelán”.

Pallarés tamén engade unha reflexión co ollo no espello por diante e por detrás:“O Premio Nacional supón para os españois a descuberta da poesía galega e, desgraciadamente, supón a descuberta para moitos lectores galegos. Hai como un certo complexo. Moitas persoas descobren que a poesía galega ten calidade porque nos dan o visto bo en Madrid cando está traducida a outros idiomas”.

Con este ollar, coincide en parte Alba Cid quen lembra que na primeira semana de concesión do Premio “era difícil acadar un oco mesmo para pór unha lavadora”. Máis alá da anécdota, cavila en que “levo desde nena escribindo e os meus textos voaban libres antes de ter un libro ou ter o premio. Debería facernos reflexionar que o Premio Nacional teña tal poder para refrendar voces e propostas. Non existiamos antes desta validación?”. Non obstante, confesa que o galardón “é un catalizador inmenso, unha petición de colaboracións. Es visible a outro nivel”.

Alba Cid, en Compostela. Xoán Álvarez

Pallarés recorda “que é un premio do Ministerio de Cultura que se preocupa de tirar rendemento del. A partir de aí, tes convocatorias e actos institucionais dende a apertura do Parlamento á recepción no Palacio Real á que evidentemente non fun”. No seu caso, os primeiros meses trala concesión foron unha “loucura” que se “freou en seco pola pandemia”.

Pola súa parte, Olga Novo explica que despois do Nacional a súa vida non mudou no esencial pero si “houbo unha maior demanda –tanto en Galicia como fóra da comunidade e do estado– de presenza en actos culturais como recitais ou festivais. O premio dáche máis visibilidade e eu vin ese aspecto máis potenciado”.

O seu libro “Feliz idade” está sendo traducido ao inglés para o mercado do Reino Unido (aínda que ten tamén unha oferta para o de Estados Unidos), ao alemán e agora comezaron a versión en francés. “Cara o inverno ou verán poderán verse despois de que se publicara en marzo en catalán e previamente en castelán”, engade.

No caso de “Tempo fósil” , de Pallarés, este xa fora traducido por Gonzalo Hermo para Ediciones de la Marisma, de Barcelona, antes de recibir o Premio Nacional. Agora a maiores pode atoparse en inglés o que lle fai especial ilusión á autora.

En canto a “Atlas” , de Alba Cid, este xa esgotara unha edición antes do Premio Nacional. Agora mesmo vai pola quinta reimpresión. “Algúns deses poemas xa foron traducidos ao inglés antes do galardón e un dos seus poemas foi premiado pola Academy of American Poets e pola web Palabras sen Fronteiras. Foron tamén poemas traducidos ao catalán. Despois do galardón, multiplicouse o eco, saltaron ao alemán e saltaron lindes interartísticos. Tres poemas chegaron a ser coreografados e bailados polo Instituto Cervantes de Dublín polo Día do Libro”. Agora está pendente de aparecer no 2023 en castelán con “La bella Varsovia” e en catalán.

Compartir el artículo

stats