Coa morte de Pilar Rodríguez Prada, viuva de Valentín Paz-Andrade e mai de Alfonso Paz-Andrade, ambos xa desaparecidos, finou onte en Vigo unha muller centenaria e unha testemuña de todo un século, tanto desde o acobillo familiar como compartindo a intensa actividade profesional e cultural que desenvolveu o seu home durante os corenta e oito anos que conviviron. Nacida en Outeiro (Vilamartin de Valdeorras), no seo dunha familia acomodada, tivo unha vida lonxeva que residiu desde 1939 na cidade de Vigo, primeiro na rua Policarpo Sanz e, logo, na Pousa Nova Mar construída fronte á praia de Samil. En Valdeorras e Trives viviu a sua infancia e parte da mocidade, despois de pasar varios anos en diferentes centros de ensino na Coruña, en Madrid e mesmo en Granada, ata que estalou a guerra civil. Unha feliz casualidade fixo que se coñecesen ela e Valentín, debido aos varios desterros que Paz-Andrade padeceu despois de 1936, con estadías nas terras de Verín e da Pobra de Trives.

Daquel encontro algo fortuito naceu o amor por quen sería o seu home de por vida, un xornalista, político galeguista e advogado que lle levaba vinte anos, co que se casou “contra viento y marea” da oposición familiar. Grazas ao casorio, ela fíxose de contado unha viguesa máis, aínda que sen esquecer as terras valdeorresas, a onde vixaban de forma regular e onde tiñan familia e amigos presentes ou ausentes, como foi Florencio Delgado Gurriarán, exiliado en México. Era unha muller cultivada, elegante e guapa, que se integrou rápidamente na rede de amizades que Valentín mantiña na cidade de Vigo, porque, como ela recoñeceu en 2011, en entrevista publicada neste xornal, “no me costó nada adaptarme” ao mundo social e profesional do seu home, ao que tamén acompañaría nas numerosas viaxes que fixeron por medio mundo.

Daquelas redes e viaxes naceu un coñecemento directo da cultura galega do interior (Otero Pedrayo, Diaz-Pardo, Alvarez Blázquez) pero, sobre todo, da Galicia do exilio, coa que entraron en contacto desde os primeiros cincuenta, a través de figuras como Luis Seoane, Rafael Dieste, Laxeiro, Blanco Amor ou, de modo especial, Bibiano Osorio-Tafall, o imán de Valentín nos traballos de capacitación pesqueira desenvoltos nos programas da FAO en diversos países americanos.

Pero o papel de Pilar na vida de Valentín Paz-Andrade e logo do seu fillo Alfonso foi máis alá de ser “muller de” ou “mai de”. Malia o protagonismo público dos homes da casa, ela foi quen se ocupou da memoria familiar, tarea para a que tiña unha destreza especial. Puiden acreditar esta dimensión con motivo da escolla de Valentín por parte da RAG como figura do Dia das Letras Galegas do ano 2012, ao comprobar o rigor e coidado con que organizara e puxera en ser papeis e libros de Valentín, o que permitiu levar a cabo a dixitalización dos seus arquivos epistolares e a edición de textos inéditos, que moito mudaron percursos da biografía de Paz-Andrade. Todo aquel traballo eficaz e silandeiro é o mellor legado para a sua familia directa pero tamén para a cultura galega enteira, que desde agora ten un espello no que se mirar.