Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un oasis de 50 títulos en cinco anos chamado Aira

A editorial lanza clásicos ilustrados con mecenazgos desde Allariz

‘A narración de Arthur Gordon Pym’ de Aira Editorial. | // MARINA SEOANE

Sen respiro, Arthur Gordon Pym mergúllase no corazón das tebras nunha das aventuras máis sorprendentes do século XIX. Naufraxios, canibalismo e un final tan tremebundo como a vida do propio autor. A narración de Arthur Gordon Pym chegará en outono traducido ao galego por Samuel Solleiro e ilustrado por Marina Seoane: outro álbum-xoia de Aira Editorial. Dirixida por César Lorenzo Gil e impulsada por Carlos Airas Cota, avanza desde Allariz na súa campaña de sumar mecenas e engrosar o seu Club Aira para sacar á luz diamantes como o de Edgar Allan Poe.

Outra imaxe da ‘Narración de Arthur Gordon Pynn’. | // MARINA SEOANE

A editorial naceu en 2017 nesta localidade de Ourense, e xa leva máis de 50 títulos na rúa. O seu primeiro clásico ilustrado foi Vidas imaxinarias de Marcel Schwob. “Xa foi bastante custoso e para darlle continuidade á colección decidimos poñer en marcha os mecenas literarios a partir de 2018”, explica César Lorenzo.En 2019 saiu Frankenstein de Mary Shelley “como primeiro título apoiado polo mecenazgo e xa tivemos entre 50 e 60 mecenas, que pagaban 60 euros ao ano a cambio dunhas vantaxes”. A liña continou con Unha noite no tren da Vía Láctea de Kenji Miyazawa e Heidi de Johanna Spyri.

César Lorenzo Gil, director de Aira Editorial. | // ELI REGUEIRA

Para A narración de Arthur Gordon Pym creouse a maiores o Club Aira: “Así mantemos esa modalidade con 10 euros ao ano e distintos descontos. Mentres, os mecenas pasaron a pagar 70 euros ao ano pola subida do papel e levan un álbum ilustrado, outro libro e dous pósters inspirados no universo da ilustradora”. Neste 2022 xa van 65 mecenas particulares (o pasado sumáronse 76) e o prazo continúa aberto ata setembro. A maiores hai 15 librarías que tamén exercen o mecenazgo.

César Lorenzo explica a filosofía deste sistema: “Desde o principio tivemos claro a necesidade dun diálogo permanente coa sociedade, tamén libros como Frankenstein ou Heidi poden custar máis de 10.000 euros en produción e necesitábamos un retorno”. Deste xeito, “podemos manter as nosas coleccións e coñecer os gustos do público”.

Tan arriscada como a aventura de Arthur Gordon Pym é a creación dunha empresa cultural na comunidade autónoma. Segundo o director de Aira Editorial, “é moi complicado en Galicia polos tabús, porque somos novos, somos de Allariz e porque hai xigantes como Galaxia e Xerais”. Para diferenciarse, ofrecen “algo distinto e moi coidado, ademáis do texto sabes que un libro de Aira é moi bonito... e temos a experiencia de libreiros porque a editorial naceu na libraría Aira das Letras de Carlos Airas”. Esa filosofía trasládase aos seus clásicos ilustrados, con papel de 150 gramos e debuxos a dobre páxina.

Ten que ver tamén a maxia de Allariz? “Este pobo ten unha imaxe xa establecida de cultura, patrimonio, beleza, calma... conceptos que levamos á edición”. Carlos vive alí desde hai 25 anos, César desde 2016 aínda que vai moito por Vigo e Santiago. Empezaron facendo tres ou catro libros ao ano, pero coa pandemia tiveron mellores vendas e aproveitaron o tempo para lanzar dous éxitos: Atlas da Galicia pequeniña e O souto dos catro ventos. En 2020 publicaron unha ducia de libros, este ano serán 14 e o obxectivo é situarse nos 15.

Aira tamén foi a primeira en publicar en galego O nome da rosa de Umberto Eco, traducido por Maite Jiménez: “Sacamos un libro custoso (polos dereitos e a paxinación) que obrigaba á xente a mirar para nós, cun traballo marabilloso por iniciativa de Maite á que agora lle encargamos O libro das marabaillas de Marco Polo”.

En setembro tamén sacarán Aprender a falar coas plantas de Marta Orriols, despois chegarán os relatos Agora que cala a noite de Elba Pedrosa, e unha segunda parte dos Gazafellos de Fon.

Compartir el artículo

stats