“O posicionamento feminista de Pardo Bazán é claro e sincero, e ata pagou o custe en vida. Parece que a ela lle pasaron a peneira da perfección. Fixéronlle un xuízo sumarísimo e hai quen non entende que sexa feminista por ser monárquica ou relixiosa...”, expresou a filóloga María López.

“Casan as súas propostas modernas coas súas posicións políticas e sociais de corte reaccionario? Aí está o cerne de algunha das polémicas actuais”, resumiu Nanina Santos para defender que cada quen é “produto do seu tempo”.

“Defendo para as mulleres o dereito a ser contraditorias; algo que nos homes se admite. É o caso de certos postulados antisemitas de Castelao...”, engadiu María López. “Certamente o seu feminismo non se pon en dúbida en ningures, nin noutros sitios de España nin no estranxeiro. En Galicia eu temo que esas polémicas teñen que ver con que aínda hai persoas que non tiraron (non quitaron) os lentes de Manuel Murguía”, lamentou pola súa banda Marilar Aleixandre.

Na reflexión sobre un dos ensaios máis relevantes sobre feminismo de Pardo Bazán traducido ao galego, “A educación do home e a da muller”, Marilar Aleixandre da conta na introdución: “Emilia Pardo Bazán definiuse a si mesma como “radical feminista”, utilizando abertamente o termo. Reivindicou todos os dereitos para as mulleres, denunciou os mullericidios –creando esta palabra–; criticou as discriminacións, da dobre moral sexual á prohibición de fumar; da negativa a permitirlles ás mulleres exercer traballos ben remunerados; á exclusión das academias; exerceu a súa liberdade como muller. Foi máis alá da esixencia de dereitos e a denuncia das exclusións sufridas polas mulleres: elaborou unha construción teórica, identificando os alicerces ideolóxicos da discriminación e algúns dos mecanismos polos que se exerce, o que hoxe chamamos patriarcado”, explicou.

Asimesmo, a presidenta da Deputación Carmela Silva explicaba que “a Pardo Bazán feminista recoñécela en cada un dos seus escritos, que ademais, son absolutamente actuais”. “O primeiro que hai que destacar é que se define como unha radical feminista. Hoxe as mulleres do feminismo, as que defenden que hai que poñer en marcha xa de forma inmediata a axenda feminista cualifícanse como radicais feministas”, comparou. “Un dos seus grandes obxectivos centrábase na necesidade da formación das mulleres. Naqueles tempos falaba de que a educación das mulleres non era educación, senón doma, e que tiña como obxectivo a obediencia, a pasividade e a submisión. Hoxe vemos con preocupación como as mulleres están sendo excluídas da formación nas carreiras STEM, como a intelixencia artificial ten claros sesgos de xénero e polo tanto, unha vez máis, na formación do futuro as mulleres corren o enorme risco de desaparecer, con todo o que iso significa”, engadiu Carmela Silva. “Pardo Bazán foi a primeira en case todo. Destacou como unha gran oradora. Fundou a revista “Novo Teatro Crítico”, da que foi única redactora, dedicando gran parte do seu contido ao feminismo, foi a primeira socia do Ateneo de Madrid e a primeira en presidir o que era a Sección de Literatura da institución. Foi nomeada conselleira de Instrución Pública por Alfonso XIII, foi nomeada catedrática na Universidade Central de Madrid, a primeira muller. Hoxe segue habendo noticias sobre a primeira muller: en recibir un premio, en ocupar un cargo, en dirixir unha empresa, un sindicato,... Polo tanto, foi unha adiantada, porque cen anos despois continuamos coas mesmas reivindicacións”, enfatizou Silva.

Pardo Bazán non puido ingresar na Real Academia Española pola oposición en bloque dos intelectuais daquel tempo. Negáronlle a entrada ata en tres ocasións. Hoxe, logo de 315 anos de historia da RAE, tres séculos despois, das 483 persoas académicas que tivo, so 11 foron mulleres, un 2,27% do total.