“Emilia Pardo Bazán asumiu o custo da súa liberdade. Asinou sempre co seu nome completo, aínda sabendo lle ía a carrexar críticas e persecución de escritores e académicos. Ela tiña un grito de guerra: “De bellum luce”, a luz na batalla. Con esta expresión resumía o seu esforzo por defender a súa liberdade individual fronte aos muros dunha sociedade conservadora e opresiva”, indicou a presidenta da Deputación provincial de Pontevedra, Carmela Silva, na charla coloquio titulada “Emilia Pardo Bazán, icono feminista”, que organizou FARO en colaboración coa institución provincial.

“Hoxe, moitas mulleres seguen con esa luz na batalla, defendendo o seu dereito a ser libres, a ocupar todos os espazos que lle corresponden, e a seguir loitando contra unha sociedade que segue sendo intolerante... Segue sen haber dereito a que para triunfar, o esforzo e tesón das mulleres teña que ser dez, cen, mil veces máis grande que o dos homes [...] Pero a súa luz na batalla alumeounos a todas. E é un referente imprescindible para poder seguir avanzando”, enfatizou a presidenta do ente provincial; a primeira muller que accede a ese cargo na historia da institución. Por iso, Silva trouxo ó presente os trazos máis salientables dunha autora moderna. “Estes días que estamos tan próximos ó 25 de novembro quero recordar que esta extraordinaria muller galega criticaba xa fai cen anos a indiferenza social ante o que ela cualificaba de ‘mullericidios’ ou ‘feminicidios’. Trataba con crudeza o machismo e os asasinatos de mulleres e fíxoo en títulos como “O indulto”, que sobrecollen aínda hoxe pola súa dramática actualidade ao tratar o desamparo das mulleres maltratadas”, sinalou Silva.

“Defendo para as mulleres o dereito a ser contraditorias, algo que en literatos si se admite. Hai asimetrías” “A Pardo Bazán faiselle un xuizo sumarísimo; pásase pola peneira da perfección”

María López Sandez - Filóloga e escritora

A charla, que estivo moderada pola filóloga e escritora María López Sandez –coautora do libro “Movendo os marcos do patriarcado: O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán”, xunto con Marilar Aleixandre– engadiu argumentos dun feminismo pardobaciano (quizais) menos coñecido. López Sandez tamén puxo sobre a mesa que as tres participantes (Silva, Aleixandre e Santos) aínda procedendo de esferas e tendo perfís distintos, “teñen en común o compromiso feminista e o activismo”.

“A idea de que as mulleres teñen destino propio, non relativo ao home ou á familia, é moi moderna ” “Pardo Bazán fixo xustamente iso: mover os marcos do patriarcado, porque os estaba identificando”

Marilar Aleixandre - Escritora e tradutora

“Emilia Pardo Bazán é unha crack. Unha persoa indómita en todo. Cunha fecunda ambición de colocarse na diana. Cunha formación intelectual enormísima, autodidacta ata o final dos seus días e con creatividade literaria, ensaística, conferencista, xornalista, viaxeira...”, engadiu a escritora, integrante do consello de redacción da revista feminista “Andaina”, Nanina Santos Castroviejo. Esta figura histórica do momento feminista galego puxo en valor a defensa que fixo Pardo Bazán do feminismo (“innegable”) nunha sociedade tradicional, antifeminista e machista. “Quixo participar e estar de pleno dereito e sen pedir permiso en todos os eventos, os ocos culturais e as Academias onde non aceptaban mulleres”, completou Nanina. Para a experta, quizais ás veces se obtivera unha imaxe “deturpada de Pardo Bazán, comparándoa con outras mulleres da súa época”, incidiu en relación a Rosalía de Castro ou Concepción Areal. O discurso de Nanina estivo salpicado de datos e informes que contextualizaban a Galicia da época: unha xeografía na que a maioría da poboación feminina era iletrada. “Unha muller de tal estatura intelectual, naquela época sería moi difícil de soportar”, valorou.

“É valente e indómita, porque se coloca na diana sabendo o que lle vai caer enriba” “Unha muller de tal estatura intelectual no contexto daquela época... sería moi difícil de soportar”

Nanina Santos - Escritora feminista

“Emilia Pardo Bazán é unha feminista pioneira, porque defendeu os dereitos das mulleres (de todas, non só das de clase alta como se di ás veces); por exemplo á educación e, moi importante, porque elaborou ideas teóricas: identificou algúns dos alicerces ideolóxicos da discriminación e algúns dos mecanismos polos que se exerce. Esa ideoloxía e eses mecanismos de discriminación son o que hoxe chamamos patriarcado; por iso María López Sandez e mais eu falamos de “Mover os marcos do patriarcado” , engadiu a escritora e tradutora Marilar Aleixandre, que foi a coordinadora da Real Academia Galega para a celebración do centenario de Pardo Bazán. Sobre o seu feminismo, destacou: “Postulou que as mulleres teñen destino propio, non relativo ó home ou á familia”. Así, a idea do destino propio é moi moderna, explica Aleixandre. Tamén a idea de que as mulleres non temos máis deberes que os homes: “Coa violencia física só se obtén a submisión temporal; a sumisión perpetua obtense dando á violencia e á servidume cor de deber e virtude”, explicou en relación á tradición dos coidados a fillos e familiares.

“Gustába lle o sexo e desfrutar da comida ou dos baños turcos”

Outro feminismo, o do pracer, ou da ledicia, foi postulado en vida co seu exemplo por Emilia Pardo Bazán, da que trascendeu unha relación epistolar erótica con Benito Pérez Galdós. A autora de “Os Pazos de Ulloa”, foi expoñente, según estudosas como Marilar Alexandre, na defensa do pracer das mulleres: “O sexual e outros, como a comida, fumar, baños turcos, o tango, os pantalóns… Gozar da vida!”, expresou onte na charla “Emilia Pardo Bazán, icona feminista”. “Interesáballe o sexo, e practicalo, tamén gozar”, coincidiu a feminista Nanina Santos, recomendando a lectura das citadas cartas co novelista e político español contemporáneo. Opinión semellante a que amosaba María López, quen sumaba outra baza: o dereito á ambición. “Non só reivindicou iguais dereitos, senón menos deberes”, coincidiu. “En xeral, asumimos a igualdade de dereitos, pero na ética dos coidados, soportamos tamén máis deberes, engadiu a doutora en Teoría da Literatura. De feito, na época histórica na que desenvolveu a súa vida, finais do século XIX, a única razón que xustificada que unha muller estudara sería para “criar mellor ós seus fillos”. Non é que unha muller non pudera acceder á Universidade, é que directamente, non podía nin estudar en Secundaria”.