Unha nai e unha filla atropeladas pola historia e pola dor do pasado. Unha carta cun segredo. Un amor que realmente non é e outroque amence latente. “O cemiterio de barcos” (Galaxia) entrecruza estes e outros elementos nunha novela pensada para a rapazada pero perfectamente consumible por adultos. Asínaa o vigués Francisco Castro –escritor cuxa obra foi traducida ao serbio este ano ademais de director de Galaxia que publica a súa última novela nas catro linguas do Estado– quen avisa que “non hai familias que non garden segredos”.

–Que busca transmitir con este novo libro?

– “O cemiterio de barcos” é un libro no que transito por lugares que xa percorrera moitas outras veces como o amor malo, o maltrato, e a preocupación pola memoria histórica. Como xa os tratara en novela para adultos, quería agora dirixilo ao público xuvenil inda que os adultos tamén poden gozar da súa lectura. Preocúpame moito que haxa resultados como os que tivemos hai 15 días na estatística do Instituto de la Mujer con gran número de rapaces dicindo que o feminismo é unha ideoloxía que só busca fastidiar os homes ou que manteñen, mesmo mulleres, que a violencia de xénero non existe. Tamén me parece preocupante que a rapazada ignore o que aconteceu hai 80 anos e a represión trala Guerra Civil.

–O inicio é moi contundente, cunha páxina do diario dunha rapaza dicindo “É certo que ás veces, cando se enfada comigo, rompe cousas. Pero o seu pouso é bo”.

–Tiña moi claro que, dende o principio, había que conectar o lector ou lectora coa problemática que vive a protagonista. A través das páxinas de Piscis, o diario de Lucía, imos pasando por todas as fases polas que pasa unha muller maltratada. Ao principio, a xustificación do maltrato. Despois, pasa a culparse: di que o merece. Tamén hai outro personaxe (David) que representa unha nova masculinidade. Na novela vense os dous tipos de masculinidade: a baseada na testosterona e a outra de homes sensibles que se apuntan ao trato igualitario. Os homes emocionámonos, os homes choramos. Lucía ao coñecer a David ve que hai outra maneira de ser home.

–Iso conecta coa polémica ao redor da última película de James Bond. Arturo Reverte dixo que o devir do personaxe traizoa o inicial de Fleming por amosarse namoradizo, sensibleiro.

–Ben, Reverte representa os valores da España rancia, cañí, testosterónica e todo o contrario ao que un home moderno e masculino debe representar. Se Reverte critica a película por facer de Bond un home do século XXI é que a película debe estar ben prantexada. Non me ten creto Arturo Pérez Reverte para opinar sobre nada. Os que levamos anos lendo os seus artigos de opinión abominamos bastante de case todo o que di.

–¿En que medida a literatura pode axudar a familias e centros educativos a sanar esa visión errada do amor? Hai un incremento considerable de violencia de xénero entre os novos.

–Por unha banda, hai un fracaso educativo social pero outro lado, os resultados da enquisa demostran como a mensaxe de Vox conseguiu penetrar entre a rapazada. Hai 54 deputados dun partido que nega a violencia de xénero, que fala de feminazis, de chiriguito feminista, que ten nun dos seus piares o odio á igualdade, o que é terrible. Odiar a igualdade é de mala xente. Se lemos os resultados da enquisa son coherentes co que Vox comezou a implantar no conxunto da sociedade. Estamos dicindo que eses rapaces a pesar de mil accións educativas (charlas, libros...) están seguros de que controlar o móbil á rapaza como pasa na novela non é malo. E hai rapazas que están empezando a caer nesa dialéctica.

–A literatura entón é clave.

–Claro, eu escribo a novela por iso. Encantariame escribir libros de mero entretemento pero non me saen. Creo que a literatura é un xeito de intervir na realidad. Por iso, os dictadores o primeiro que fan é queimar aqueles libros que manteñen valores distintos aos que queren instaurar.Si que creo que unha xuventude lectora é unha xuventude mellor formada, máis protexidas ante a irracionalidade de determinados grupos políticos e sociais.