“Imaxínate o que ten que ser para calquera persoa que da noite para a mañá pase a ter dano cerebral. A túa vida cambia para sempre, haberá cousas que xa non volvas ser capaz de facer. Camiñar vai custar, se cadra falar ou cousas máis graves. Por iso, decidín escribir un libro para xente moza para explicar como se ve o mundo a través dunha rapaza do seu tempo que por un accidente de tráfico pasa a ter unha lesión cerebral tan grave”. Deste xeito, o escritor vigués Francisco Castro explica como xurdiu “Iridium”, un dos dous libros españois –e o único en galego– que vén de engrosar este ano o Catálogo de Libros máis Destacados para Xente Nova con Discapacidade do IBBY.

Para Castro, supón “unha alegría inmensa” a incorporación da súa novela ó devandito catálogo “porque o IBBY é a institución dentro da literatura infantil e xuvenil máis importante do mundo. Trátase dun catálogo moi exclusivo. É moi difícil entrar aí e se o consegues é porque un grupo de expertos e críticos na área ve no teu libro algo que o distingue do resto”.

Lembra o escritor e editor de Galaxia que os autores procuran “chegar a cantos máis lectores sexa posible” polo que as traducións son “fundamentais”. De aí, a importancia de formar parte da lista do IBBY, xa que este é remitida a editoriais e universidades de todo o mundo cun pequeno resumo en inglés de cada obra.

Para Castro, “esta sociedade ten que traballar moito a prol das persoas que presentan algunha clase de diferenza. Por distintos motivos, terminei contactando coa Asociación de Dano Cerebral de Galicia para pedirlles axuda. Comenteilles que quería escribir unha novela e que un dos personaxes tiña dano cerebral” polo que ó final acabou enrando en contacto con Alento, en Vigo.

O autor tamén fixo obradoiros literarios con esta entidade na que aprendeu que “a cousa que peor leva a xente con discapacidade é que se lles infantiliza, que se lles fale despacio... O libro fíxase non no que lle pasa á protagonista, Iris, senón como a observan, como a xulgan a través da ollada. Iris o que pide é ser tratada normal. A persoa non é a discapacidade. Se nós, mañá, estamos en cadeira de rodas, nós non somos unha cadeira de rodas, senón que seguimos sendo unha persoa, nós, pero a xente só ve a discapacidade”.

“Iridium” non é o único libro de Castro no que trata esta temática. “Chamádeme Simbad” amosa a visión do alzhéimer dende os ollos infantís. A obra vai ser traducida o ano vinderio ó serbio e xa se pode ler en Brasil.

A inclusión de “Iridium” (Galaxia) no catálogo do IBBY supón tamén outro recoñecemento para a literatura en galego. “Eu levo tempo dicindo que a nosa literatura está a vivir unha época de bonanza. Publicáronse miles de libros nas catro linguas oficiais pero recoñeceron un libro en galego. É para estar orgullosos”, resalta Francisco Castro.

A información sobre “Iridium” e sobre os outros libros do mundo incluídos pode consultarse en https://www.ibby.org/fileadmin/user_upload/2021_IBBY_Outstanding_Catalogue.pdf.