Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ponte nas Ondas! soña co Rexistro de Mellores Prácticas

Juan Andrés Perelló (e.) e António Nóvoa firman a candidatura. | // FDV

“Tenemos una gran noticia! Se ha presentado ante la UNESCO la candidatura de Ponte nas Ondas como Registro de Buenas Prácticas para su debate en el próximo Comité”. Así o anunciou o Ministerio de Cultura na súa conta de Instagram (@somospatrimonio). Segue así o proceso desde que a Comissão Nacional da UNESCO de Portugal, o Ministerio de Educación y Cultura de España e a Xunta de Galicia comunicaran oficialmente, hai xa tres anos, a súa intención de promover á Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas Ondas!, ao Rexistro das Mellores Prácticas de Salvagarda co Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI). Unha iniciativa que gaña impulso coa presentación oficial da candidatura na UNESCO, asinada conxuntamente polos embaixadores español e portugués ante a ONU, Juan Andrés Perelló e António Nóvoa, respectivamente.

“A inscrición do modelo Ponte...nas Ondas! na UNESCO permitirá dar a coñecer unha experiencia única creada e deseñada no territorio da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”, di a asociación nun comunicado. Para o colectivo, trátase dun “fito fundamental nunha traxectoria que vén de cumprir os 25 anos de historia” e que “vai contribuír a sensibilizar o traballo desenvolvido pola comunidade educativa e o ámbito cultural galego-portugués co patrimonio compartido”.

O colectivo explica que estar na Lista das Mellores Prácticas co PCI supón que a UNESCO promoverá o modelo PNO! en todo o mundo, xa que precisamente, un dos requisitos imprescindibles que debe cumprir calquera boa práctica é que poida ser implantada en calquera parte do mundo. A orixe desta lista está no artigo 18 da Convención para a Salvagarda do patrimonio cultural inmaterial da UNESCO, que quere que este rexistro sirva de fonte de inspiración en todo o mundo a todas as persoas e institucións interesadas na salvagarda do patrimonio cultural inmaterial. Na actualidade apenas 25 proxectos de todo o mundo integran este selecto grupo.

Un intenso traballo

Desde a confirmación, hai tres anos, das respectivas administracións da súa intención de promover a candidatura, realizouse un intenso traballo de documentación que pasou as avaliacións de todas as institucións implicadas. Logo da presentación por parte dos embaixadores de Portugal e España na UNESCO, do dossier da candidatura, o Comité Intergobernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial examinará os materiais presentados para avaliar que a proposta cumpra con todos os requisitos formais.

O chanzo seguinte son as fases de estudo e de documentación ata o 30 de setembro de 2021, e unha última fase de avaliación entre decembro e xuño do ano 2022. E no mes de novembro de 2022, logo de todos os trámites previos, o Comité faría á fin pública a inscrición no Rexistro das Boas Prácticas co PCI.

Ponte…nas ondas!, que este ano cumpre as súas bodas de prata traballando na divulgación do patrimonio inmaterial galego-portugués. Coordinados por docentes galegos e portugueses, milleiros de alumnas e alumnos de escolas de Galicia e Portugal teñen participado nos certames de Recolla do Patrimonio Inmaterial

Compartir el artículo

stats