O 'cartel secreto' da xornada inaugural do festival "Sinsal Son Estrella Galicia" levou sons de África á Illa de San Simón. As primeiras en saír ao escenario foron Les Filles de Illighadad, un trío de mulleres tuareg de Níxer. Logo sorprendeu no escenario o proxecto galego Son da Memoria e pechou o cartel do primeiro día o músico guineano Alex Ikot. Ademais, na tarde do xoves artistas e poetas pariciparon nas sesións de gravación de Aleksander Kolkowski, que os rexistrou en cilindros de cera, e abriuse Zona Intermareal, unha iniciativa en colaboración coa Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

Sen colgar o cartel de sold out, pero con case 700 persoas na illa, o Sinsal arrancou co directo de Les Filles de Illighadad. En Agadez, no centro de Níxer, na metade dunha rexión famosa por ter un dos climas máis extremos da terra, Fatou Seidi Ghali aprendeu a tocar a guitarra de forma autodidacta na súa casa de barro. Este grupo de mulleres tuareg está triunfando en Europa coa súa impoñente e hipnótica proposta.

No Escenario San Antón New Balance tamén tivo lugar o concerto Son da Memoria, proxecto do músico e compositor redondelán, Seso Durán, cun relato sonoro da represión e do drama da Guerra Civil. Un fío que conecta pasado con presente, palabra con paisaxe e a historia política coa música popular inspirada nos movementos do rock internacional.

Logo, pechouse no escenario Buxos Fest Galicia -que leva o nome da marca promovida pola Xunta en apoio ao desenvolvemento dos festivais galegos-. Alex Ikot foi o primeiro dos dous convidados que o Festival Vis a Vis, organizado por Casa África en Guinea Ecuatorial, traerá a San Simón. É, quizáis, o máis internacional dos músicos locais, ao tocar con algúns dos máis grandes artistas africanos como Manu Dibango e Youssou N'Dour, ou iniciar os seus pasos ao lado do batería máis coñecido do continente, o mítico Tony Allen.