Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ramón Villares: "Voume coa sensación do labor cumprido"

"Confío en que a institución siga coa actual velocidade de cruceiro" "Rosario Álvarez non estará como herdeira, senón elixida polo plenario"

O catedrático de Historia Contemporánea da USC desde 1987 e presidente do Consello da Cultura Galega desde 2006, Ramón Villares (Xermade, Lugo,1951) volverá a actividade docente á que nunca renunciou durante os seus tres mandatos á fronte do CCG. O que fora decano de Xeografía e Historia (1986-1990) e reitor da USC (1990-1994) asegura que será "un motivo de honra e satisfacción" que unha muller ocupe a presidencia. "Creo que é positivo que haxa renovación", afirma.

-Con que sensación pechará a porta da presidencia do CCG hoxe?

-Voume coa sensación do traballo cumprido e o labor feito. Dediqueille bastantes horas a unha institución na que os membros non somos profesionais nin vivimos do ente. Fixemos unha grande dedicación ao Consello; foi un traballo agradable sempre para mellorar a situación do patrimonio da lingua e das institucións culturais. Marcho contento e máis rico do que cheguei, non en cartos, senón no coñecemento do ámbito da cultura.

-Está especialmente fachendoso dalgunha das tarefas emprendidas nos seus mandatos?

-Houbo varias: fixemos unha recompilación de fondos epistolares de moitas figuras no exilio; estamos dixitalizando informacións importantes, tras comezar con Luís Seoane, estamos con Paz Andrade e Filgueira Valverde, Lois Tobío... Preservamos e recuperamos moito do patrimonio de figuras galegas do século XX e creo que consolidamos o CCG como centro de análise de referencia. Coa creación do Observatorio da Cultura Galega, que foi posible grazas á Consellería, ao Ministerio e ao IGE convertémonos nun importante fornecedor de datos de cultura. E fixemos unha importante labor de conexión con institucións análogas na Península Ibérica, pero tamén co mundo exterior (con lugares de peso da emigración galega en Sudamérica e Europa e Nova Iorque).

-Dase o paradoxo de que finaliza o seu mandato en cumprimento duns estatutos dos que vostede foi impulsor.

-Inicialmente non había limitacións de mandato, pero eu propuxen a idea de que, se queriamos pedir ao resto de institucións culturais camiñar por un sendeiro de modernidade, debería iniciarse no propio CCG. Así, aprobamos un novo regulamento que incluíu limitación de mandatos para todos os membros do plenario, incluídos os representantes de institucións. Tamén reforzamos o equilibrio de xénero: cando eu cheguei había una muller no CCG e hoxe son nove. Están no 40% e os pasos datos, aínda que insuficientes segundo algúns sectores, foron importantes. Introducimos mecanismos de transparencia.

-Volta á Universidade.

-Non abandonei en ningún momento a Universidade, senón que compatibilicei as obrigas docentes do xeito máis honorable posible de grazas a axuda e comprensión dos compañeiros do departamento. Agora terei máis tempo para facer algunha investigación, algún libro...

-Que destaca da que foi ata hoxe vicepresidenta do CCG e moi probablemente lle substituirá no cargo, Rosario Álvarez?

-É unha persoa prudente e moi preparada, con coñecemento das institucións culturais galegas e con experiencia de xestión, como xa dixen en público varias veces. Introducirá novos métodos e outro estilo, pero teño a confianza de que a institución vaia a ter a mesma ou maior velocidade de cruceiro.

-Foi vostede quen a propuxo?

-É unha persoa que coñezo xa hai moitos anos na USC e teño confianza nela e na súa capacidade, pero non so foi unha decisión dela, senón de varios membros do plenario que asinaron a proposta para que sexa candidata. Non vai estar posta como herdeira, senón como elixida polo plenario.

-Soa Dolores Vilavedra tamén para a comisión executiva.

-A nova presidenta aínda ten un mes para elixir a executiva, que logo terá que refrendar o plenario.

Compartir el artículo

stats