Chévere é un referente estatal no teatro e a única compañía galega co Premio Nacional de Teatro do Ministerio de Cultura. A piques de pecha-la celebración do seu 30 aniversario, a agrupación enumera unha cantidade numerosa de proxectos. Entre eles, unha xira nutrida por unha ducia de cidades fóra da Galiza (Eibar, Murcia, Alacante, Villarreal, Zaragoza, Córdoba, Las Rozas, Ponferrada, Basauri, Alcalá e Sevilla, entre outras). Nestes lugares, poderán ver Eroski Paraíso ata o mes de febreiro, inda que tamén se poderá disfrutar desta peza na comunidade galega en xornadas como a do 7 de outubro no IES As Barxas de Moaña.

"As cousas non saen por sorte, senón porque están moi traballadas", apuntaba Xesús Ron, membro da compañía para borrar das mentes calquera ligazón entre azar e o programa de actuacións da compañía. Esta, engadiu o actor, inaugura mañá unhas actuacións especiais Antoloxía da Ultranoite como "colofón final do 30 aniversario". Será no Auditorio de A Ramallosa en Teo, moi perto de Compostela, onde ten a súa residencia a compañía. "Queremos recuperar algúns números que se fixeron no pasado para darlles unha oportunidade máis", engadiu.

Preguntado Ron polo percorrido da agrupación nos últimos anos, sinalou que "nós somos uns grandes afortunados.Se botámo-la vista atrás, gañamos case todo, moitísimas cousas, inda que polo camiño vas perdendo complicidade e compañeiros. Algúns morreron, outros cambiaron de actividade, perdimos a Sala Nasa, proxecto que foi central e que durou 20 anos.".

Sobre ese doroso capítulo -froito da persecución política dende o Concello de Santiago impulsada polo alcalde entón, o popular Conde Roa, e por un enfrontamento laboral entre algúns traballadores e a dirección-, Xesús Ron sinalou que "algo que aprendes despois de tantos anos é que a cultura, a arte e o teatro son incómodas para o poder. Aprendimos que había que convivir con iso. Para nós, o teatro non é unha arma política, pero dende o escenario podes facer crítica".

Subliñou que "a vida colocou a cada un no seu sitio. O alcalde que liderou o peor ataque contra Chévere, Conde Roa, acabou condenado e tivo que exiliarse con casos inda pendentes. E nós gañamos o Premio Nacional de Teatro. Sería interesante que os políticos aprenderan a vivir coa disidencia, coa xente con opinións diferentes".

Novo libro sobre a traxectoria

Esa disidencia pode agora lerse nas dúas obras de Chévere publicadas por Kalandraka este verán (Río Bravo e Annus Horribilis). A editora está pendente de sacar do prelo en novembro ou decembro un libro sobre os 30 anos da compañía, "unha crónica da traxectoria contada dende dentro", engadiu Ron, vigués afincado en Compostela.