A Asociación Galega de Editoras, en colaboración coa Xunta de Galicia, preparou un ano máis o desembarco de escritores galegos na Feira do Libro de Bos Aires que rematará o vindeiro día 15 de maio.

A representación galaica contará con autores como Antón Riveiro Coello, Luís G. Tosar, o booktuber Sebastián G. Mouret e a autora Inma López Silva.

Esta última explicaba a FARO que será a primeira vez que participe na cita porteña. "Vou -comentou- con expectativas de disfrutar moito e de estar coa xente da colectividade galega. Quero disfrutar da feira do libro máis importante do mundo hispánico e así ver como se move alí o mercado do libro".

A autora viguesa non esquece que poderá estar en contacto "coas estrelas da literatura mundial", ó tempo que tamén carga a súa maleta con libros.

Respecto ó pulo que podería ter a súa carreira a raíz da súa presenza na Feira, indicou que nun primeiro momento se podería supoñer que haberá un impulso pero que tamén había que entender que "cando vas nunha delegación institucional, representas a todo un mercado editorial. Esa é a forma de visibilizarnos todos. Eu entendo a nosa presenza en Bos Aires desta maneira máis ca na idea de venderme a min mesma".

No caso de Silva, está previsto que participe en diferentes actos culturais. "Teño unha axenda de morrer,", comentaba onte feliz. "Teño charlas no stand de Galicia pero, a maiores, vou facer mais cousas como participar en clubes de lectura" onde falará de Maternosofía, Los días iguales de cuando fuimos malas (versión en galego e versión en español) así como do teatro na Galicia. Non hai que esquecer que é profesora da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD). Por su posto, non faltará a súa visita ó Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires, todo un exemplo de formación completa onde se inclúe o galego entre alumnos arxentinos ou de procedencia foránea, teñan ou non antergos galaicos.

Pola súa parte, no stand de Galicia na Feira, os autores galegos manterán un encontro co público mañá domingo. Será mañá luns cando Inma López Silva e Antón Riveiro dialoguen cos asistentes sobre as causas que os empuxan á escrita. O martes, corresponderalle a Andrea Maceira e Sebastián García Mouret plantexar reflexións sobre os novos escritores e os novos lectores en conexión coa importancia das redes sociais e o universo internet co mundo dos libros. Tamén o martes, Riveiro Coello falará sosbre a construción da memoria.

Os escritores convidados este ano pola Xunta, ademais, participarán o mércores nunha mesa redonda: "Escribir en Galicia hoxe e mañá".

Pola súa parte, nos vindeiros días, entre outros actos, Luís González Tosar e o académico arxentino Antonio Requeni charlán acerca de "Xavier Bóveda, a aventura dun poeta galego ultraísta en Bos Aires', moderada polo presidente da Academia Argentina de Letras, José Luis Moure.