Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Saleta Goi: "A resposta do pobo galego a Manuel María é espectacular"

"Foi un dos mellores poetas amorosos da literatura galega do século XX", destacou o secretario da Fundación homónima na sesión de onte do Club FARO adicada ás Letras

Alberte Ansede (1e); Margarita Ledo (2e), Saleta Goi, Mercedes Queixas (2d) e Manuel Bragado (1d). // Lores

"Quéixanse de que estaba marxinado pero el sempre estivo acompañado de xente; nunca só", defendía a viúva de Manuel María e presidenta da Fundación homónima, Saleta Goi, como convidada do Club FARO de onte no que tamén resaltou que "a resposta do pobo galego é espectacular" ós actos e homenaxes que se organizan no nome do poeta, libreiro, dinamizador e galeguista ó que este ano se lle adica o Día das Letras Galegas.

Goi, estivo apoiada pola académica da Real Academia Galega (RAG) Margarita Ledo Andión; o secretario da Fundación Manuel María, Alberte Ansede; a escritora e biógrafa do escritor Mercedes Queixas; e Manuel Bragado, editor de Xerais.Todos eles interviron na mesa redonda-coloquio "Manuel María. Ferrados de corazón, alma de poeta" que a viúva do rapsodo galego calificou de "necesario agora que hai tanta vida virtual".

O encargado de face-la introdución foi Bragado quen lembrou como o autor de poemarios como Mar Maior ou Os soños na gaiola (con cantigas para meniños e música de Suso Vaamonde) naceu no 1929 nunha casa de labranza en Outeiro de Rei (Lugo), adicando parte da súa vida á literatura na que foi un prolífico autor ó superar os cen títulos. Bragado, así como outros compañeiros de mesa de onte, destacaron tamén o compromiso co nacionalismo galego de María e, polo tanto, co pobo.

Se ben a temática da súa poesía -inda que Manuel María tamén tocou a narrativa, o teatro e o ensaio- foi ben variada, o secretario da Fundación que leva o seu nome, Alberte Ansede, resaltou que o autor chairego foi "un dos mellores poetas amorosos da literatura galega do século XX. É difícil achar unha combinación tan eficaz de sinxeleza lingüística e falta de artificio como de xenialidade expresiva".

Asemade, detallou as distintas etapas polas que transcorreu a súa produción poética - "marcadas por feitos históricos e por feitos de carácter biográfico e persoal", segundo sinalou- escomezando pola existencialista, para despois pasar ó paisaxismo humanizado, cruza-la de compromiso social e político e culminar cunha cuarta a partir de 1980.

Nesta última, ferida pola "desazón", "pasa a un primeiro plano unha viaxe interior" tras decatarse o autor de que os tempos non eran chegados nin para a lingua nin para o país galego coa estrea da democracia. "En certa maneira, Manuel María volve ás preocupacións iniciais da súa poesía, liberado da metafísica dos primeiros pasos, limado pola experiencia do amor logrado, revivido pola compenetración coa terra e a paisaxe da infancia (...) e preocupado polo futuro de Galicia. Agora móstrase como un gran druída" no que o amor polo país ten unha pegada profunda, detallou Ansede.

Da súa poesía tamén falou Margarita Ledo Andión, quen sinalou que "Manuel María é a proba documental de que a poesía é unha das cariátides que ternan da nación desexada". A xornalista e directora de cine (quen vén de reeditar o documental Manuel María: eu son fala e terra desta miña terra bbb

2005, cun libro memorial , lembrou como ela escribiu a súa primeira carta en galego no 1970, cando estudada primeiro de xornalismo en Barcelona "porque ía conducida a el". Moi emocionada, coa voz por veces quebrada, a académica da RAG, lembrou como grazas a María foi tomando conciencia de clase e lingua: "Escríboche en galego porque son pobre, en galego, non se falan de finanzas", recollían estes versos de Mar Maior, asinados polo chairego.

Ledo non quixo esquecer que Manuel María é un dos autores galegos máis musicados, un alicerce da Nova Canción Galega; nin tampouco un poeta que empregou a lírica para a reafirmación política galeguista. No seu discurso, a profesora da Universidade de Santiago tamén lembrou como o homenaxeado acusou no seu día á RAG "de vivir de costas ó país".

O fío da palabra do poeta tamén se seguiu no relatorio de Mercedes Queixas, biógrafa de Manuel María, a quen describiu como "o autor máis prolífico da historia da literatura galega", ó tempo que resaltou que o seu univeso literario "nace coas raíces da Terra Cha", medra coa súa formación e multiplícase na vocación da escrita empregando unha fala coloquial -o galego- que co seu verbo é "elevada a lingua literaria universal". Esta escritora non se quedou só na faceta literaria del, senón que o lembrou como libreiro, dinamizador cultural, mestre, político... en resumo, varias caras necesarias para "comprender o personaxe", cuxo "amor á terra" foi "o alicerce dunha obra monumental", segundo Queixas.

A anécdota da garrafa de caña de Zeca Afonso e o escritor galego

  • A simpatía da viúva de Manuel María foi sen dúbida unha das protagonistas do serán de onte no Club FARO no que unha anécdota pechou a conferencia e preguntas do público. Un asistente inqueriu a Saleta Goi acerca de se Zeca Afonso -o compositor e cantante portugués de "Grândola Vila Morena", himno da Revolución dos Cravos en Portugal- tiña coñecido realmente a Manuel María. A cuestión procede de que Afonso compuxo unha canción adicada a unha garrafa de licor do poeta.Saleta Goi explicou que eles nunca se chegaron a coñecer. O que realmente aconteceu foi que o escritor Viale Moutinho visitaba a Manuel María e a Saleta na súa casa en Monforte e eles facían o mesmo acudindo á súa en Portugal. Moutinho é coñecido na Galicia dende hai tempo e, recentemente, foi galardoado polo PEN Clube da Galiza, premio que obtivo o resón tamén dos medios de comunicación portugueses."A Manuel, como era procurador, regalábanlle bastante viño que bebiamos nós, e moita augardente, que bebiamos só cando ían convidados. Tiñamos moita. Regalámoslle unha garrafiña de catro litros ó Viale. El marchou para súa casa e o Zeca Afonso visitouno e estiveron ata as tantas da noite. Deberon beber a garrafa, pola canción porque eu non sei como foi. Quizais beberon a metade e presumen de bebela toda. Eu o que sei é que saiu esa canción. Entón, a xente pensou que tiñamos moita amizade con Zeca Afonso e nós nunca estivemos con el", rememorou Saleta Goi. "Eu asómbrome do poder de imaxinación tremendo do ser humano", concluíu a viúva de Manuel María, quen destacou na vida cultura galega polo seu labor na librería Xistral de Monforte de Lemos (Lugo).

Compartir el artículo

stats