Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Las conferencias del Club FARO

Alonso Montero: "Filgueira Valverde, como afirmou Bóveda, foi un obreiro da causa galega alá onde estivera"

"Foi unha personalidade capital na historia de Galicia, o mellor polígrafo do seu tempo e, como afirmou Bóveda, un obreiro da causa galega alá onde estivera", dixo Alonso Montero

"No devagar da súa vida Filgueira Valverde tivo dous "leit-motiv" sen os cales sería imposible entendelo. O primeiro deles foi Galicia. O segundo leit-motiv da súa vida, fundamental para entender a súa figura, foi Pontevedra". Eso dixo onte no Club FARO, no acto de conmemoración do Día das Letras Galegas, Fernando Filgueira Iglesias, fillo do polígrafo homenaxeado este ano. Presentado por Manuel Bragado, director de Xerais, na mesa estaban tamén o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle. O título, "Filgueira Valverde. Polígrafo da causa galega".

Para Alonso Montero, Filgueira Valverde, "sabio" e "erudito" de "amplia biografía galleguista", representa unha personalidade capital na historia de Galicia, cuxa traxectoria vital se posiciona como "un dos oito ou dez grandes capítulos da cultura galega dos séculos XIX e XX". O presidente considera que era "unha persoa de rigorosa moral, bondadosa e xenerosa, que fixo todo o ben que puido antes e despois do 36". Parafraseando a Bóveda, dixo que "onde queira que estivese, sería un obreiro da causa galega".

Nun fermoso discurso exaltador da súa figura, dixo que hoxe xa non son posibles os polígrafos pero que él "foi un como non había ningún na Galicia do seu tempo, e habería que ver en España; o único que quedou despois de morrer Otero Pedrayo e Álvarez Blázquez, éste en menor medida. Capaz de pasar da literatura a bibliografía, dos estudos linguísticos aos de arqueoloxía, e sen deixar de exercer nunca os de pontevedroloxía e santiagoloxía".

Contou Alonso Montero cómo foi testigo, nun congreso sobre lírica medieval en Trier cos maiores espadas do mundo, cómo cando se enteraron de que estaba alí Filgueira se sentiron asombrados porque non sabía si existía en realidade ou era un mito; todos eran deudores dos seus textos. "Non se pode un achegar á figura de Vide, Rosalía, Otero Pedrayo ou Pintos, sen ter en conta o que ten publicado Filgueira Valverde, ou especializarse en cancioneiros de tradición oral sen ter en conta os seus traballos", reivindicou Alonso Montero. A pesar de que o presidente da RAG pon "acento" na súa vertente de erudito, filólogo e profesor, Filgueira "foi tamén un creador" con obras que, se bo "non teñen a relevancia" da súa obra ensaística e investigadora, si proban que era unha personalidade moi completa", que "só ten comparación en Otero Pedrayo".

Fernando Filgueira, que falou en primeiro lugar, lembrou que o seu pai nacera " dun matrimonio mixto de galego e andaluza, no seo dunha familia fondamente católica, sendo a relixiosidade unha das súas máis sinaladas características. Fillo único, medra moi vencellado ó contacto con persoas maiores ca el. Vanlle dando azos e contribúe de forma notable no desenvolvemento do seu caletre o contacto cos seus profesores do Instituto, con Losada Diéguez, Castelao, Sobrino e os 'mestres gratuítos' como el lles nominaba: Iglesias Vilarelle, Sánchez Cantón, Casto Sampedro... Este contacto cos maiores, confírelle unha notable precocidade da que se deriva tamén unha longa permanencia no tempo".

Según o seu fillo, Filgueira foi un mestre na vida, na virtude e na ciencia. Era un traballador incansable, e sostiña que o descanso non era folgar, senón cambiar de actividade: No seu despacho sempre tivo tres ambientes con distintas funcións e pasaba dun ó outro practicamente sen saír de alí en horas. Agora no traballo principal, agora na correspondencia, agora ordenando fichas ou folletos... "Era un grande aforrador de tempo".

"No seu intre -explicou Fernando Filgueira- , alentado polos amigos madrileños de adopción, Sánchez Cantón, Daniel de la Sota, Pazó, Pastor .... asumiu a Alcaldía de Pontevedra, e fíxoo con orgullo: "Ser elegido para regir la ciudad natal es gran honor al que pocos pueden compararse", dixo no seu discurso de toma de posesión. Serviu a Pontevedra o mellor que puido e nós pensamos que este tempo adicado a política local activa, restoulle moita credibilidade galeguista, ó ser interpretado por algúns coma unha traizón, e por outros como un labor de "quinta columna" para manter o lume sagrado das ideas." "Analizando o labor do meu pai neste eido poderíase pensar que se manifestaban un abano de contradiccións: El nunca fora deportista. Coidamos que isto lle doía pois o noso avó si o fora. Pero apostou de cheo polo deporte escolar como forma de educación. Tampouco foi meu pai un bo cantor, pero apostou polo canto, potenciando de forma notable o coro e a música, adeprendendo a literatura medieval pola propia música", sinalou.

Compartir el artículo

stats