Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cándido Pazó: "Coido que a empatía é algo obrigado no teatro e non sempre a hai"

"Construír o hábito de ir ao teatro é unha gran asignatura pendente"

Cándido Pazó, onte, en Santiago. // X. Álvarez

Con "Xardín supenso", unha "traxedia absurda" escrita por Abel Neves que Pazó resume na "historia de algo tan trivialmente dramático coma unha promesa de amor incumprida", o vigués aspira a "conmocionar" ao público e que a xente marche da sala "dándolle voltas" ao que viu. Non en van na peza, que gañou en 2009 o máis importante dos certames do ámbito lusófono, "parecería", di, "que o autor pediu a colaboración dun Racine, dun Chekhov e dun Ionesco, para desconcertarnos, emocionarnos, divertirnos, sacudirnos ou estremecernos". Con esta obra, o Centro Dramático Galego estrea a tempada de produccións propias e o acordo institucional de intercambio de autores con Portugal.

-Non sairán os espectadores traumatizados da sala, non?

-Trátase de que haxa empatía, que coido que é algo obrigado no teatro e non sempre a hai. Que consideres que o público está aí, que esta é unha arte ao vivo, seres vivos no escenario, seres vivos fóra, é imprescindible. Non é para nada que saia traumatizado, pero si conmovido.

-O teatro oferta, pero ten o público o hábito da demanda?

-Construír un hábito é unha das grandes asignaturas pendentes que teñen os teatros galegos. Temos que conseguir que a xente queira vir a ese fenómeno chamado teatro, de encontro de seres vivos, que están aí, que se poden trabucar, que están facendo iso para ti dunha maneira única porque nunca vai ser igual. E ás veces haberá pezas das que sairás entusiasmado e llas recomendarás a todo o mundo.

-Logo de 30 anos de historia, conseguiu o Centro Dramático Galego asociar o teatro a unha opción de lecer continua?

-Non sería sincero se dixese que o Centro Dramático Galego (CDG) exerceu de buque insignia na creación e na fidelización de públicos durante ese tempo. Quero entender que o intentou, porque esa é unha das súas funcións, pero hai que seguir insistindo e conseguir que cada día a xente teña máis o CDG como referencia, "ah, actúa o Centro, vou ir", porque diso tamén nos podemos beneficiar todos.

-Nesta obra, como noutras do CDG, vai haber representacións para escolares. Faise público así?

-Moitas compañías facemos esas campañas. Creo que hai que facelas, pero tamén que se está errando en algo porque non hai unha relación directa entre escolares que veñen e que se convertan en público. Hai un lapso de tempo, a tardoadolescencia, que non se ve nos teatros. Quizais falte un teatro, unha atención, específica. Como iso da leite de continuación para os nenos, estanos faltando se cadra algo de continuación para atender o momento en que ese público deixa de vir organizadamente para pasar ao acto voluntario de vir.

-Facer, coma neste caso, unha obra recente sería un truco para captar a súa atención?

-Non por recén escrito un texto vai conectar mellor ou peor con certa xeneración. Non é unha cuestión do que escribas, senón sobre todo de empregar medios de expresión que conecten con eles. Aínda que logo por sorte ese público se recupera, non podemos conformarnos.

-Síntese responsable de dirixir a primeira obra que aborda o acordo de intercambio de autores entre Galicia e Portugal?

-Non, para min é un traballo que se me encarga. Eu son amigo persoal de Abel Neves e xa o collín con cariño e teño unha relación longa co teatro portugués. O que si sinto como director é que a miña gran obriga é facer que isto chegue ao público. É evidente que vai haber un público que preferiría unha comedia e outro que preferiría un espectáculo máis físico onde o texto non tivera tanta importancia, pero dentro da proposta que é eu teño que conseguir que o público marche dicindo: "fixen ben vir ao teatro". Esa é a miña responsabilidade. O outro, que sexa dentro dese marco, non é secundario, pero a miña cabeza na montaxe ten que centrarse en que o espectáculo funcione e o público se sinta atinxido.

Compartir el artículo

stats