A Televisión de Galicia emite hoxe, ás 15:30 horas, un novo episodio da serie documental "Náufragos", realizada por Producións Celta e escrita e dirixida por X. H. Rivadulla Corcón. O espazo, de 60 minutos de duración e emisión semanal, busca explicar como segue a vida tras un naufraxio, tanto no caso dos mariñeiros que conseguen voltar como no das familias dos que non regresan.

Nesta nova entrega, titulada "O mar amigo ás veces é un estraño", o tempo do espazo repártese entre dúas historias distintas; a fórmula habitual do programa. A primeira é a do naufraxio do palangreiro "Bonito", de Fisterra, e a segunda é a dos percebeiros de Cedeira.

O palangreiro "Bonito", tripulado por once mariñeiros de Fisterra, saíu a faenar o 18 de xaneiro de 1960, e nunca máis regresou a porto. Aínda a día de hoxe non se sabe o que puido ocorrer, pero os mariñeiros máis expertos do lugar pensan que puido bater contra o baixo "Gurgullo", ao oeste do Cabo da Nave. Nunca apareceron nin os corpos nin os restos da propia embarcación.

Ante esta ausencia, os protagonistas deste capítulo son, sobre todo, os familiares. Viúvas, irmás e fillas dos mariñeiros que nunca voltaron. Lola do Canario é unha desas viúvas, xa que perdeu ó seu marido Agustín Rivas, quedando soa con tres fillos e embarazada dun cuarto. Tamén contarán as súas historias dúas irmás de Rivas, Lola de Nieves e Pepita de Nieves.

Ademais, cómpre ter en conta que este suceso produciuse nunha Fisterra moi distinta á de hoxe en día, cando era pouco máis que unha aldea onde o mar representaba prácticamente o único recurso económico. Moitas mulleres viron, ao faltar os seus maridos, como as súas vidas cambiaban de forma radical. Estas mulleres falarán a través de voces como a de Carmen Castreje, viúva de Ramón Lago; un relato que estará acompañado polo da súa filla, Mari Carmen Lago. Tamén aparecerá no capítulo Milagros Riveiro, a veciña organizadora da última homenaxe ós falecidos.

A loita contra a natureza

A segunda historia do programa achega ao espectador á historia dos percebeiros da vila mariñeira de Cedeira (A Coruña). Neste lugar, unha das actividades máis destacable é a extracción do percebe. A este traballo adícanse un total cincuenta percebeiros e percebeiras.

A busca e extracción de percebe é un oficio moi arriscado, xa que esta especie atópase en zonas de especial perigo, coma rocas ou cantís moi escarpados. Por isto, trátase dun traballo no que a probabilidade de accidentes é elevada.

Varios percebeiros que pasaron por accidentes serán os protagonistas desta parte do programa, que pon especial atención ao relato de Bernardino Pita, un traballador xa retirado que estivo a punto de perder a súa vida arrastrado polo mar en varias ocasións. Tamén falarán Antonio Díaz e a súa muller Ángeles Cilleiro, que van xuntos ao percebe. Outra visión a aportará Serxo Ces, que contará os apuros que pasou nas rocas para salvar a vida. Ademais, Ces é membro do grupo de música galega "Os Cempés".

O programa buscará así homenaxear a figura destes homes e mulleres que se manteñen nun oficio cun alto compoñente tradicional pero que tamén vai evolucionando co tempo. Así, os espectadores poderán coñecer unha loita contra a natureza que se da todos os días e na que os traballadores acuden, prácticamente, sen máis armas que o seu propio corpo.