Por unanimidade, o catedrático de historia contemporánea Ramón Villares (1951) seguirá a se-lo quinto presidente do Consello da Cultura Galega (CCG). Na Galicia das loitas con antropofaxia metafórica e dos movementos pantasmas de marcos en leiras físicas ou institucións, o CCG segue a súa maina historia. Por catro anos máis, Villares seguirá co seu proxecto.

-Este ano, van conmemora-lo 70 aniversario de Sempre en Galicia de Castelao.

-Si, queremos a través do Twitter, pór paragrafos do libro para divulga-lo contido. Tamén se fará unha homenaxe na que persoas fisicamente ou dende internet lerán anacos de Sempre en Galicia, xa está a xente seleccionada. E imos coloca-lo libro na web corporativa. Este é un servizo que xa fixemos con Cantares gallegos e Follas Novas, e que queremos facer con outras obras referencia da cultura galega.

-Algúns estudosos rosalianos criticaron que xente allea ó contido de Rosalía se apropiaba do seu discurso. Ocorre o mesmo con Castelao ou non?

-Rosalía, Curros, Castelao? son clásicos e sono porque interesan a moita xente. Penso que Castelao e Rosalía non son de ningúen; son do pobo galego. Son textos de inspiración, de referencia, mesmo de confrontación e debate. O Consello Galego non ten nada que dicir aí, senón fomenta-la súa divulgación e que non se deturpe o texto. A interpretación é libre. Se hai debate sobre estes textos, hai vida.

-A catedral de Santiago, entre outros bens relixiosos, precisa dunha reforma. Debemos se-los contribuíntes quen a financien ou debe bota-lo resto a Igrexa?

-Este é un asunto bastante delicado. É patrimonio que está a disposición do público pero que ten titularidade privada, a Igrexa. Pero a Igrexa alega non ter recursos suficientes para mantelo e preservalo. Hai tres alternativas compatibles. Unha é que a Igrexa coide de parte do seu patrimonio cos seus recursos. Segundo, os católicos, os que son practicantes, poden axudar a preservar ese ben cultural, como mecenas, como se fai en varios países de Europa para restaurar un órgano, restaurar unha igrexa ou un cadro, a través de asociación de amigos da catedral, do mosteiro... En terceiro lugar, está o Estado, que non pode estar ó marxe. A min, gustariame que houbera un debate sobre este punto, unha contribución plural.

-Agora, fale coa cabeza e non co corazón. Como ve a situación da lingua galega?

-O galego fixo un tránsito rápido e relativamente eficaz dende unha fala popular pouco prestixiosa a unha lingua de prestixo e culta. Ese paso foi posible grazas á Autonomía e ás institucións que creou como a CRTVG, o Consello da Cultura Galega... A lingua galega ten unha descompensación. Hai moita xente que aprendeu o galego pero que non o fala. Iso débese en boa medida a problemas de conflito sobre a lingua. Temos que chegar a un punto no que a lingua deixe de ser motivo de debate, que deixe de ser un instrumento de denotación. É dicir, que o que fale galego non sexa denotado. A lingua ten que ser neutral, isto temos que conseguilo entre todos. Do contrario, conseguiremos unha lingua de parte e non neutral. De pouco serve que se coñeza, se non se usa aceptando todas as variantes e as imperfeccións. Hai que vela como algo que nos enriquece e non que nos dá problema. Que é utópico? Pois pode ser pero isto é imprescindible. A lingua non se vai salvar só porque se ensine na escola ou porque digamos nós que hai que salvala. Salvarase porque a sociedade galega a estime e aprece.