A mocidade, como etapa biolóxica dos humanos, non colleu forma xeracional até a Segunda Guerra Mundial. Deica entón, a adolescencia era, as máis das veces, o primeiro banzo da idade adulta. Se non antes (xa que logo no medio rural), os mozos de clase obreira comezaban a traballar aos catorce anos, de aprendices, e moitos das emerxentes clases medias de mozos dos recados en bancos, aseguradoras e oficinas, encauzando un devir profesional que tiña que chegar, sen mudanzas, á beira da xubilación.

Porén, o conflito bélico que rematou en 1945 puxo a xuventude como protagonista das innovacións sociais. O aumento xeral do nivel de vida nas sociedades occidentais (fose polo estado do benestar en Europa, fose pola american way life nos Estados Unidos) democratizou o acceso de mozos e mozas aos estudos universitarios e a unha certa autonomía económica se eran traballadores (a primeira moto, o primeiro coche). Un protagonismo rebelde que, no terreo musical, protagonizou, por riba de ninguén, Elvis Presley co rock'n roll. Pero coa chegada dos '60 unha parte da mocidade, a máis comprometida, pedía tamén ter voz no deseño da sociedade da que formarían parte no futuro. Uns anos aqueles que rachaban esquemas relixiosos e sociais ríxidos, vixentes durante séculos.E en 1961 chegou a Nova York un mozo de vinte anos de orixe xudía, Robert Zimmerman, procedente de Minnesota. Alcumouse como Bob Dylan, en homenaxe ao poeta galés Dylan Thomas, o maudit das letras británicas do século XX, morto precozmente. Daquela Dylan comezou a frecuentar os clubes do Greenwich Village interpretando cancións tradicionais. Ben axiña contou co apoio do produtor John Hammond para facer o seu primeiro disco coa poderosa Columbia, que titulou simplemente Bob Dylan, cos títulos postos no centro da carátula. Pasou con máis pena que gloria e vendeu apenas cinco mil copias. Das cancións só dúas eran del, "Talkin' New York" e "Song to Woody", homenaxe a Woody Guthrie, o cantante dos obreiros e dos inmigrantes nos anos da Gran Depresión. As restantes amosaban cales eran as súas fontes: o folk e mais o blues.Pero Bob Dylan tiña xa a semente do que sería a súa música futura: unha particular dición nasal, boas letras e uns arranxos innovadores. Fronte aos folksingers xa veteranos (Pete Seeger, o propio Guthrie ou os membros do trío Peter, Paul & Mary xa tiñan daquela máis de corenta anos), Dylan aportaba innovación. Un estilo que tamén bebía do rock'n roll e que non agochou cando os organizadores do festival de Newport quixeron apropiarse del e vindicou o facer de Elvis Presley.

Bob Dylan comezou a recoller as dúbidas e esperanzas da súa xeración, pero expresándoas de maneira individual. Daquela xa comezaba a agromar a complexidade do eu fronte ao gregarismo social da masa. E fronte á dimensión colectiva dos cantautores de esquerdas tradicionais (Guthrie, Seeger) -expresada no hino "Venceremos nós"-, Dylan situaba a suma de individualidades, cada unha delas coa súa particular complexidade. Ninguén coma el representa a figura do poeta que musica as súas letras para interpretalas ante o público. Unha figura que retomaba a tradición dos xograres medievais capaces de compoñer e que desaparecera da música oficial durante séculos. E como moitos daqueles trobadores, Dylan soubo situar -como di David Carabén, do grupo pop-indie Mishima- os vicios da alta cultura na canción popular sen renunciar á baixa cultura, á súa matriz.

Bob Dylan tivo a habelencia de non caer no mundo do show bussiness e sempre actuou de pioneiro contracultural. Foi proposto candidato ao premio Nobel de literatura. Poucos poetas son tan coñecidos.