Nun momento no que o modelo do cine comercial parece esgotado nas salas convencionais, unha posible saída é volver confiar nos autores; recuperar o cine como arte, a emoción da creación en tempo real. Reconectar coa vangarda. Así o cre o director da mostra de Cinema Periférico (S8), Ángel Rueda. E con esa filosofía deseñou a programación da terceira edición deste festival, que se celebra desde onte deica o 3 de xuño, na Coruña.

A segunda edición comezara coa versión restaurada e sonorizada do clásico Metropolis. Este ano e, seguindo esa mesma liña, a película escollida para a inauguración foi outra obra fundamental na historia do cine, O home da cámara de Dziga Vertov, que se proxectou, ademais, sonorizada en directo por Michael Nyman. "Despois de tantos anos de cine enlatado, a aposta do (S8) é recuperar a emoción de ver unha película, de sentila en tempo real. Xa ver Metropolis fora como facer unha viaxe no tempo", explicou Rueda.

O diálogo entre a vangarda de primeiros do XX e o cine máis contemporáneo é, así, unha das claves do (S8). O formato Super 8 volve ter, por suposto, gran protagonismo. "Podía parecer que o Super 8 só encaixaba coas películas caseiras. Pero utilizárono moitos cineastas para comezar. No ciclo "Ópera Prima" proxectamos, de feito, os primeiros traballos rodados en Super 8 de Santiago Aguilar, Luis Guridi e Raúl Barbé. Porque o Super 8 pode ser unha ferramenta non só máis económica, senón tamén máis libre, fresca... Tamén ollamos ao Super 8 contemporáneo. No proxecto "Arquivo Expandido", Magdanela Arau reinterpreta películas domésticas dos 60 e 70, facendo con elas remontaxes, poñéndolles subtítulos en tempo real...", aclarou. Tamén estará presente neste ciclo, nunha sesión musicalizada por Miguel Prado, Your Lost Memories, no que creadores actuais volven dar vida a cintas familiares esquecidas en mercadiños, localizando ademais os seus donos a través das redes sociais.

Nese mesmo camiño de cine performativo sitúase o traballo de Miwa Matreyek, unha autora que "rompe en tempo real a relación espazo-tempo, introcíndose ela mesma na pantalla", -explica Rueda-. Matreyek, que amosa por primeira vez o seu traballo en España, é coñecida polas súas performances nas que o material e a proxectado se confunden. Ela e "Arquivo Expandido" compartirán a sección "Desbordamentos". Magdalena Arau realizará, de feito, unha performance na que conflúen tres proxectores de Super 8.

Coa segunda vida das imaxes ten tamén moito que ver a sección "O novo monstro". "A animación ten moito peso na historia do cine. Houbo cineastas que atoparon nela novas formas de expresión, como o collage. Proxectamos neste ciclo os filmes de Martha Colburn, Jodie Mach, Noriko Okaku ou Sarah Mosk, entre outros. E presentamos unha retrospectiva de Lewis Klahr, que rescata cintas dos anos 50 e anímaas fotograma a fotograma conseguindo transmitir como era o estilo de vida do Estados Unidos daquel tempo. Teremos tamén unha sesión na que el e outra pioneira, Janie Geiser, nos amosarán unha selección das películas que máis os influíron". Andrés Duque presentará o seu último filme, Ensaio final para a utopía, que utiliza desde imaxes gravadas cun móbil ata películas da revolución mozambicana.

A vangarda está representada este ano no (S8) por Peter Kubelka. "El entende o cine como algo escultórico. Proxectamos toda a súa filmografía, e ademáis impartirá unha máster class na que explicará a relación entra a cociña, como un dos primeiros xeitos de expresión dos humanos, e o cine. A súa obra supón unha revolución no cine", asegurou Rueda. Tamén Naomi Uman impartirá un obradoiro, pero de cine experimental en 16 mm, e no Mini (S8) haberá actividades para os máis pequenos.

O (S8) dedica tamén cada ano un apartado ao traballo dunha filmoteca. Desta volta, a escollida é a Cineteca Nacional de México. A directora de programación deste centro, Verónica Ortiz, estará no (S8) para presentar Santa, a primeira película sonora do cine mexicano, dirixida por un español, Antonio Moreno, e Sandra, la mujer de fuego, de Juan Orol, o rei galego do cinema de serie B en Latinoamérica.

A pegada galega do (S8) abrangue tamén a estrea en Europa de La Brecha de Marcos Nine, ademais dunha ampla retrospectiva da obra de Alberte Pagán. "Non só traemos a película, senón que mostramos todo o proxecto no que se inscribe La Brecha, subliña Rueda. Hoxe mesmo, Alberte Pagán presentará ás 17:00 horas en Ágora a súa película A pedra do lobo. Na sesión do domingo, na que volverá intervir, poderanse ver a partir das 17:00 horas Os Waslala, Pó de estrelas, Puílha 17 de Janeiro 2010 e Película urgente por Palestina. Ás 19:15 horas comezarán Faustino 1936 e Bs As. "Falarei de todas as películas que influíron en A pedra do lobo e, dentro delas, Eclipse e Eclipse metanoico, explicou Pagán, que é considerado o autor máis representativo do cinema experimental galego, aínda que el prefire definir o que fai como só "cine" xa que, como di, experimentar vén ser "o que se fixo sempre. Foi o cinema comercial o que se afastou" dese camiño.