Nun momento tan delicado para as artes como o que nos toca vivir, coa cultura como unha das principais vítimas da situación económica, resulta ben estimulante a resposta que desde variados sectores do mundo artístico se está a dar a unha conxuntura marcada polas dificultades dos artistas e das galerías privadas, que apenas venden, polo parón dos espazos públicos e institucionais retallados polos gobernos e bloqueados pola crise bancaria.

As respostas que se están a producir manifestan a creatividade e dinamismo do medio artístico galego e a vontade de creación de propostas por riba de todo, a pesar do limitado dos recursos cos que en xeral se conta. Pero sobre todo o que amosan é unha reflexión creativa sobre o medio, en concreto sobre os modelos de espazos expositivos, que son obxecto de variadas reinterpretacións e reelaboracións.

O primeiro paso foi o dado en Vigo hai máis de medio ano polo ESPACIO SIRVENT, unha proposta da empresa de mobiliario contemporáneo Sirvent, que creou en colaboración co comisario Ángel Calvo Ulloa unha programación que une arte e deseño. No seu local da Gran Vía, 129 programa exposicións, conferencias, proxeccións, con temas que van desde o cinema de Jean Vigo até a arte sonora. Como exemplo do dinamismo das súas propostas, o vindeiro día 15 de xuño dedicará unha sesión ao arquitecto portugués Eduardo Souto de Moura, premio Pritzker de arquitectura 2011, presentando o libro Eduardo Souto de Moura, atlas de parede, imagens de método.

Moi distinta, mais igualmente estimulante, é a proposta doutro espazo comercial, o da libraría viguesa Versus (Rúa Venezuela, 80), que acaba de inaugurar un microespazo expositivo denominado Lilliput. Rodeada de libros esta microgalería -unha vitrina de50 x 50 cm- serve para expor proxectos específicos de artistas. A partir dunha idea de Marta Becerro, o pintor e comisario Ángel Cerviño coordina esta iniciativa que principiou o día 25 de maio cunha mostra de Carme Nogueira que leva por título Mulleres en xarras, e que inclúe dúas serigrafías e varias figuras escultóricas de papel recortado, un proxecto preocupada pola definición e a percepción de valores como a intimidade ou as formas de exterioridade na sociedade contemporánea. Lilliput terá continuidade con mostras, entre outros, de Isaac Pérez Vicente e Din Matamoro.

Entre as iniciativas alternativas é ben relevante o FAC Peregrina, Furancho de arte contemporánea, creado na aldea da Peregrina, na parroquia do mesmo nome de Santiago de Santiago de Compostela. Concíbese como un proxecto artístico autoxestionado, fóra dos ámbitos institucionais e do fenómeno comercial. Vinculado ao medio rural no que se insire, adoptando a forma de furancho, lugar de encontro, sociabilidade e desenvolvendo temas de interese de moitos novos creadores como a identidade, a ligazón co medio ou a cultura do cotián. A iniciativa parte dun equipo formado por unha crítica cultural Ania González e dous artistas visuais Olmo Blanco e Diego Vites cun proxecto moi elaborado que establece tres liñas expositivas "FAC Producións"; "FAC Convidadxs" e "FAC Express", a primeira recolle montaxes de produción propia do equipo FAC Peregrina, a segunda contempla montaxes de artistas ou colectivos convidados e a terceira resérvase a montaxes de curta duración ou presentacións doutros proxectos expositivos ou de investigación.

Os últimos traballos presentados foron Amando; a pintura toda; unha historia inaugurado o 18 de maio e Bacanal por encargo de Joseba Muruzábal", presentado o 25 de maio.

Seguindo nesta liña, que poderiamos denominar alternativa ao ámbitos expositivos máis convencionais, tamén en Santiago de Compostela acaba de crearse un novo espazo, chamado Kunsthalle -"sala de exposicións "en alemán-, que xungue hostalaría e arte, un espazo de lecer creativo. O local conta cun elaborado deseño -de rvr-arquitectos- e posúe dous ámbitos espaciais diferenciados que resultan complementarios. Neles podemos achar traballos artísticos concibidos especificamente para os espazos do local de artistas como Suso Fandiño, Jorge Peiranes, Alain Urrutia; Carlos Maciá e Misha Bies Goias e tamén videocreacións como as de Álvaro Negro.

O certo é que estes espazos artísticos ofrecen un abano de preocupacións que acaban por se configurar como un auténtico caleidoscopio dalgúns dos fenómenos do noso presente. Estes locais, e outros do que temos noticia como o Patio de Luces d'A Coruña, supoñen unha inxección de creatividade e imaxinación nuns tempos nos que o mercado e as súas cincentas cifras pretende volver a vestirnos de escuros uniformes, non só de miseria material, senón de pobreza cultural. Contra eles: arte e vida.