Son testemuñas da historia, de amizades sobre alicerces de letras e ideas. As cartas foron, ata hai ben pouco, un xénero literario, agora apagado pola inmediatez do aquí e do futuro do e-mail e das redes sociais. Pero na segunda metade do século XX, supoñían unha canle de confraternización. Boa proba é a última entrega dos Cadernos Ramón Piñeiro, do centro homónimo, editado pola Conselle´ria de Cultura, que adica o número á correspondencia entre Xosé Neira Vilas e Valentín Paz-Andrade.

A presentación do volume realizouse onte no Museo do Mar de Vigo onde a directora, Marta Lucio, guiou un acto con Neira Vilas; o director da RAG, Méndez Ferrín; e o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez; entre outros.

A publicación recolle preto de 90 misivas. O autor de Memorias de un neno labrego xa publicara hai dous anos con Galaxia Cartas de vellos amigos, entre as que se atopa a correspondencia que el lle remitira a Valentín Paz-Andrade e Celso Emilio Ferreiro. Para esta nova edición, non só incluíu ese epistolario senón tamén as respostas dos outros dous

Sobre o contido das mesmas, Vilas sinalou que "hai cousas moi importantes da política e da historia da segunda metade do século XX. Falabamos de todo: da situación política do país, de literatura... Celso, ademais, era un home moi crítico, e escribía cartas bastante extensas. Valentín pedíame revistas de Cuba, datos sobre Castelao (para a biografía que asinou) e os seus debuxos durante a súa presenza na illa varios meses".

Ferrín, preguntado por este xornal, recoñeceu que as cartas "son fontes de coñecemento históricas que hai que manexar con coidado porque non sempre dicimos a verdade nelas nin lle dicimos as mesmas cousas a uns que a outros. Engadiu que os tres autores case nin se coñecían €Vilas explicou que viu unha vez a Ferreiro e unhas 4 a Andrade€. Existía outro tipo de coñecemento que era sentirse partícipes dunha idea común de Galicia".

A rebeldía de canta-lo himno galego en Samil no 1976

Nun día de 1976, recén morto o ditador, na casa en Samil de Valentín Paz-Andrade, un grupo de escritores e intelectuais galegos gozaba da xornada, dos comentarios, das ideas anímandose a cantar o himno galego. Entoárono "polo baixiño", explicou Neira Vilas. Era, non esquezamos, unha época de restriccións á liberdade. Era un momento inolvidable. "Foi a primeira vez que cantei aquí o himno galego", sinalou o escritor.

Ese encontro €que rememorou onte a FARO e que aparece no libro publicado onte€ foi un dos tres que mantivo Neira Vilas con Paz-Andrade. Noutros, ambos estiveron presentes na entrega de cadros de Castelao á Fundación Maside ou mesas redondas sobre a emigración ou Castelao. Como contraste, "con Celso Emilio, coincidín só en Madrid no ano 1976.

No acto de onte, ó que tamén acudiron Luís Ferreiro, fillo de Celso Emilio; e Alfonso Paz-Andrade, fillo de Valentín, o broche púxoo o cantautor Manoele de Felisa interpretando á guitarra varios poemas de Celso Emilio, Valentín e Neira Vilas.

Este, ó remata-lo acto, recoñeceu a este xornal que "eu escribía moito máis que calquera dos que me escribían a min. Unha carta é literatura, é historia, abarca moitas cousas". Respecto dun posible control das autoridades, sinalou a súa dúbida de que existise censura, aínda que lembrou as verbas de Ferrín crendo que si había un control.