Mañá xoves, 17 de maio, faise medio século desde a primeira celebración do Día das Letras Galegas, un período que serviu para dar "prestixio universal" á lingua galega como instrumento de creación literaria.

Durante estes cincuenta anos outros tantos autores foron lembrados e homenaxeados neste día, unha data destinada de por vida "a recoller o latexo material da actividade intelectual galega".

Así reza na proposta de declaración desta conmemoración realizada polos membros numerarios da Real Academia Galega.

Tal proposta partiu, nod ía 20 de marzo de 1963, en plena ditadura franquista, dos académicos Francisco Fernández del Riego, Xesús Ferro Cosuelo e Manuel Gómez Román coincidindo, co centenario da publicación de 'Cantares Gallegos', de Rosalía de Castro.

No día 28 de abril dese mesmo ano, en xunta ordinaria, a Academia resolveu, por unanimidade, aprobar esta proposta e declarar Día das Letras Galegas o 17 de maio de cada ano.

Ao ser o centenario da súa obra, foi Rosalía de Castro a primeira autora homenaxeada nun acto celebrado en Lugo, ao que seguirían, desde esa data e sen interrupción, outras moitas figuras singulares da cultura galega, escollidas en xunta ordinaria pola Academia, como recollen os seus estatutos.

Desde 1991, dezaoito anos despois da súa institución, o Día das Letras Galegas é festividade oficial en Galicia, e constitúe a máis grande conmemoración da cultura propia.

Por este motivo, nesta data celébranse numerosos actos organizados non só desde a Academia, mais tamén desde o propio Goberno autonómico, concellos, centros de ensino e outras entidades ou agrupacións públicas e privadas que se suman ao labor de honrar e difundir a obra da figura das letras galegas homenaxeada.

Para conmemorar o quincuaxésimo aniversario das Letras Galegas, a coruñesa praza de María Pita acollerá no sábado 16 de xuño, un mes despois do propio Día das Letras, un grande acto cívico ao que asistirán o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e os alcaldes das cidades e vilas nativas dos autores homenaxeados durante o último medio século.