Como debe ser nunha homenaxe, todo foron louvanzas para o protagonista, neste caso Francisco Fernández del Riego. Non obstante, o recén finado galeguista tamén se trabucou. Como recoñeceu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "quen pensa ao grande ten que equivocarse ao grande". O titular do Goberno galego empregou a cita de Martin Heidegger para lembrar que, malia que Don Paco pedira marchar sen honores nin mandos, era de obrigado cumprimento para as institucións galegas renderlle unha despedida na que tomaron parte onte na capital galega o propio presidente da Xunta, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, o vicepresidente de Galaxia, Benxamín Casal, o vicepresidente da Fundación Penzol, Alfonso Zulueta de Haz, as escritoras Luisa Castro e Rosa Aneiros, a irmá do protagonista, Ana María Fernández, e o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín.

Foi precisamente Ferrín, que ocupa agora o mesmo cargo que no seu día exerceu Francisco del Riego, o que o definiu no seu discurso, en nome da institución que preside, coma un home "cun corazón de ouro, unha mente luminosa e unha vontade de ferro ao servizo da patria". Del Riego, "O Patriota", como o alcumou, estivo presente "nos primeiros rangos de combate polas libertades políticas de Galicia e pola democracia". Tamén Ferrín recurriu a unha cita, neste caso a que Castelao empregaba para calificar aos galeguistas que admiraba: "Era infusible ao soplete e inatacable aos ácidos".

Para Ramón Villares, que foi o encargado de inaugurar a sesión, no seu "río do tempo", coma el mesmo lle chamaba á súa vida, "as augas nunca ficaron ancoradas e nunca deixaron de sentir a misión que tiñan que cumprir". "Nada da cultura galega da segunda metade do século XX lle foi alleo", asegurou Villares nun esforzo por sintetizar o irresumible. "Foi un faro que emitiu constantemente luces dende a cultura galega", sinalou, para concluír que é un "referente esencial" da Galicia contemporánea".

Pola súa banda, Alfonso Zulueta de Haz, en nome da Fundación Penzol, que Del Riego dirixiu durante 46 anos, destacou a súa "incrible xenerosidade sen fronteiras que transformou ao noso pobo camiño de adquirir conciencia da súa galeguidade". Zulueta de Haz expresou o seu anceio de que Don Paco "siga como guieiro do noso compromiso con Galicia máis alá de episódicas conmemoracións".

Tamén a favor deste compromiso con Galicia se manifestou Benxamín Casal, vicepresidente de Galaxia, unha das herdanzas que deixa Del Riego, unha desas obras coas que foi, explicou Casal, "sementando esperanza" para o emprego da lingua galega, "orgulloso", "non contra ninguén, pero tampouco disposto a que ninguén a asoballe". "O que hoxe somos sómolo porque el e xente coma el souberon manter a dignidade e a esperanza. Os tempos son outros, pero a causa que nos move é a mesma. Sería gravísimo, por desidia, intereses persoais ou intransixencia, non saber ver este patrimonio", dixo.

Trala intervención de Rosa Aneiros, a lectura dun texto de Don Paco por Luisa Castro e unhas verbas da irmán do finado, Núñez Feijóo pechou o acto avogando por facer "noso" o galeguismo "aberto" que lle permitiu a Del Riego –do que dixo que foi un "home carismático, entregado e nobre"– "saír fóra, viaxar, e pór a nosa cultura en conexión con outras do mundo enteiro". "Ti, don Paco, es para sempre un recio carballo da cultura do noso país, casa de palabras para o morar de nós e catavento honrado do que, como pobo, fomos somos e seremos", recalcou, para rematar: "Converteu Galicia nunha Galaxia."