Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Ursus arctos Linnaei: O Gardián da Fronteira

Na "I Declaración de Cacabelos" en defensa do galego estremeiro, ano 2001, alguén tivo a ocorrencia de declarar o urso Gardián Simbólico da Fronteira lingüística de Galicia

Exemplar de Ursus arctos L. // FdV

No ano 1861, o zoólogo Víctor López Seoane trataba na súa Fauna mastológica de Galicia, do retroceso aquí da poboación de urses. El sinalaba que o nome vulgar galego da especie linneana Ursus arctos podería ser urso ou oso. O ilustre correspondente de Darwin puña a forma máis latinizante, urso, coma "muestra de la excelencia de nuestra lengua". Parece que, no século XIX, o urso era só un habitante escaso das montañas orientais e meridionais de Galicia, nunca lonxe das fronteiras lingüísticas entre o galego e o asturleonés e portugués. Hai fontes que relatan a morte dos derradeiros ursos do Xurés no XIX. Aínda existen, como testemuñas que desafían o paso do tempo, as construccións protectoras das colmeas, que chaman albarizas no Courel e cortellos en Lobios.

Na "I Declaración de Cacabelos" en defensa do galego estremeiro, ano 2001, alguén tivo a ocorrencia de declarar o urso Gardián Simbólico da Fronteira lingüística de Galicia. Ou do Reino, como soía decer Sarmiento.

Hai un intre impreciso no que o urso desapareceu da actual Galicia administrativa pero non así da Devesa de Moelos (oficialmentes Bosque de Muniellos). Pero o urso non desapareceu, senón que recentemente inzou, nas partes do espazo protexido que cain dentro do concello galegofalante de Ibias, Asturias. E como o urso é animal senlleiro, malencónico (di Seoane) e calcorra, ou andaredo, na súa natural ambladura, da Devesa de Moelos partiu o animal facendo o camiño atávico da súa especie. Seica en concreto o camiño da estirpe dos ursos de Vilaboi. Co principio do século XXI cundiu o ruxe-ruxe, en todo o Bierzo, conforme foran vistos ursos nos Ancares e Cervantes. Axiña o rumor foi confirmado coma verdade. Baixaban os ursos, si da Devesa de Moelos ás montañas orientais do Macizo Galaico.

Suso Díaz, é un fillo de Ludeiros (Lobios) poeta excelente e coñecedor das culturas arraianas. (Véxase A utopía que diluiu o vento, Positivas, 2019). El acaba de nos traguer unha grande noticia. Voces autorizadas falan e falan da volta do urso á Serra de Montezinho, que máis ou menos ergue lombos e espiñazos entre o concello galego (provincia se Zamora) de Hermisende e Bragança, en cuxo castelo se gardan os segredos dos fundacionais do Couto Misto. Estamos, pois, a ver, que o urso anda de novo a patrullar a fronteira: Seica agora, no tempo real desta escrita e leitura, o urso está no Penedo dos Tres Reinos (León, Galicia, Portugal) que xa na prehistoria fora marco divisorio entre Galaicos e Lusitanos. E veñennos do Xurés as noticias e falas de apicultores preocupados e naturalistas vocacionais que exultan. Corren relatos dubidosos que din así: o urso que un día tivo o Mato da Albergaría ou Mato Real coma santuario para logo ser borrado do mapa zoolóxico do Xurés, volveu xa a onde soía. De forma que a figura simbólica, e quizabes heráldica, deste aninal que marcha á andadura coma a cabalo galego propio, está a fechar o seu ciclo de Garcián da Fronteira. E aínda pode pensarse que volva haber ursos a unha e outra banda do Miño, coma tal na Groba e no Faro de Valença ou Serra de Arga, cousa que aínda non está á vista dos máis optimistas amadores da fauna selvaxe de Galicia e Portugal do Norte.

López Seoane contaba tamén en 1861 coma os oseiros do Caurel se proveían de courazas, dun ferro afiado nas puntas e dun coitelo grande. Puñan o urso ergueito de mans, entalábanlle a pica entre o peito e a queixada para o inmobilizar e abrazándose á fera mentres a acoitelaban no corazón. No faido da casa de Novoneira había, ou hai, uns vellos ferros apuntados que ben podían ser os que antano usaban en Parada de Moreda para matar o urso.

Antonio Fernández e Morales, escritor e militar galego, nos seus Ensaios poéticos en dialecto berciano, publicados en León tamén en 1861, inclúe a mellor narración cinexética da literatura galega. Se ben as nosas letras son parcas nese xénero, nel Fernández e Morales excele. E descrebe o vestido e aderezos do cazador principal, presuntuoso e espectacular. Vai cuberto cun peto e un espaldar feitos de cus de pote unidos, cervantinamente, por unha baraza. O coitelo é enorme: ben amolado e afiado. Planta, a partida, lume na boca da cova do urso. Sai a fera fóra despedindo moxenas e berrado de xeito témero e descomunal. Finalmente, e nunha aperta a vida ou morte, cazador e urso loitan un nos brazos do outro, tal como relataba simultaneamente Víctor López Seoane. Así acaba a fera morrendo a mans do cazador bercián nas palabras do brigadeiro Fernández e Morales, a quen no lle queren conceder o Día das Letras Galegas:

"€ fundía

na res de novo o coitelo

e esta entonces sacudíndose,

esperrida en catro remos,

ambos ollos remelando,

sacando un palmo por menos

a lengua ya amoratada,

i un espumaraxo negro

botado da boca, a vida

deixou fuxir ó momento"

E os cazadores do Bierzo cargaron nun burradeiro o urso e mais un xabarín que cobraran con anterioridade e regresaron felices á vila para celebraren o éxito da cazata cuns grolos de viño que eles chamarían gotín no seu dialecto. O espléndido poema leva o título de "Caza Maior".

No intre de pór punto final, vexo os ursos do Leste e do Sul a correr a Fronteira nestes memos momentos.

CAIXA POSTAL

Cunqueiro na Penzol

  • Recibimos a publicación Novas da Penzol correspondente a xuño de 2019 (número 21) da que é responsábel Silvestre Gómez Xurxo.Na meirande parte do boletín, baixo o título de "Álvaro Cunqueiro: o meigo dos Primaveras", faise relación do legado documental que a Fundación Penzol de Vigo conserva no fondo Álvaro Cunqueiro. Coido que todos os documentos foron doados por César Cunqueiro González Seco, fillo do escritor.Non podería estar en mellor sitio e baixo mellores gardas. Cunqueiro, a partir de 1950, cando inicia a súa relación con Faro de Vigo, é un escritor ligado en profundidade á vida social e cultural desta cidade e do seu hinterland. En Vigo residían amigos como Leal Insua, Alberto Casal, Fernández del Riego cos que estivo unido até a morte. En Vigo tiña a súa sede a Editorial Galaxia que foi a empresa que mellor traballou para construir unha dimensión nova da literatura cunqueirá, especialmente no que se refere á prosa. En Vigo pronunciou Cunqueiro a súa profecía famosa: "Mil Primaveras máis para Galicia". Sen renunciar xamais ás pantamas natías de Mondoñedo, nin ao univereso de Galicia, Cunqueiro escolleu Vigo como capital da Nación. El, que sempre dixera ser "galego de Nación". Algúns documentos dos que hoxe se dá conta en Novas Penzol foron xa pasados do arquivo ao libro, e, como tal, difundidos. Falamos, naturalmente, en cartas. Outros están á espera dos investigadores na Praza da Princesa de Vigo, na actual Casa da Cultural Galega na que o concello acolleu os fondos bibliográficos e documentais sobre Galicia que o galego eo naviego Fermín Fernández-Penzol Labandera reuniu durante toda a vida e doou á cidade que el, coma Cunqueiro, e coma todo o galeguismo considerou unha capital de Galicia.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoRúa García Barbón, 87Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats