Síguenos en redes sociales:

NO FONDO DOS ESPELLOS

Os nomes galegos do corzo

Cada día chegan noticias fidedignas de que algún corzo foi enxergado nun lugar no que os máis vellos nunca viran tal. Están chegando ao Galiñeiro e o corzo macho chouta nas madorras de Cortiña Grande

Os nomes galegos do corzo

Unha vez que o corzo saeu da bouzas da acordanza resulta difícil facelo recuar ao escuro. Houbo un tempo no que Aquilino Iglesia Alvariño era chamado O Señor das Palabras e exercía como profeta heterodoxo dun novo e vizoso galego literario, a medias latinizante e nacionalpopular. Fun en 1957 consultar con don Aquilino a etimoloxía da palabra corzo, animal ligado fondamente a aventuras infantís miñas. Estaba o poeta de Abadín na Beadense, Entremurallas, Compostela. Rodeábanno, moi respectuosos, xentes de letras completamente alleas ao círculo piñeirista, tales como Celestino Luís Crespo, Antucho Losada Espinosa, Benito Varela Jácome ou Antonio Cadarso Ladrón de Guevara.

-Corzo (díxome don Aquilino) é palabra castelá. En galego debemos decer cáparro ou cáparo.

Escoitei o dictame de Iglesia Alvariño e, co tempo, fun vendo as formas que o poeta filólogo dicía, cáparo e cáparro, nos diccionarios. Tamén observei que, na súa Fauna Mastológica de Galicia, López Seoane sinala caparro como un dos nomes vulgares da especie que el di Cervus capreolus, que coido que innovou Linneo e que hoxe parece que rexe como Capreolus capreolus. En todo caso, cheguei á conclusión de que corzo, en portugués igualmente corço, é palabra lídina e histórica galega.

E ben, todos os etimólogos coinciden en que corzo procede dun latín vulgar non documentado *curtiu, derivado dun *curtiare "cortar, acortar, rabenar". Do ponto de vista semántico, o animal foi chamado corzo porque é rabeno, ou rabón ou rabelo. Isto é, ten un rabo moi pequeno que semella ter sido cortado.

Linneo, neste como noutros casos, foi procurar no latín máis ou menos clásico o nome científico do animal de que tratamos. Identificouno co capreolus que menciona Ernout como derivado de capra en diminutivo contradictoriamente masculino. En apariencia, este capreolus provén de capra, pero o significado ofrece dificultades xa que todos os cazadores de Eurasia saben que un cérvido non é para nada unha cabra. Para min o capreolus que designaba en latín o corzo sería un cruzamento entre capra "cabra" e o verbo latino vulgar cappare "cortar" tamén. Co cal, tanto corzo, como cáparro, como cáparo, como capreolus, relacionaríanse entre si por mencionar, escura ou claramente, o rabo pequeno que teñen estes animais. "O cornúpeta do rabo capado", dirían todas as palabras con que designamos, en latín, en latín científico e en galego, o corzo. Deu-lo dea sempre nas nosas medas e altas chairas!

Aquilino Iglesia Alvariño (1909-1961) foi un poeta moi importante no noso século XX. Con Cunqueiro, con Celso Emilio, con Díaz Castro, encóntrase no cume máis alto da xeración poética de 1936 formada por aqueles autores que, nacendo entre 1910 e 1920, aproximadamente, viviron, como acontecemento persoal e histórico máis importante das súas existencias, a guerra civil e o réxime franquista. Non se acha divulgado o feito de que Aquilino Iglesia Alvariño foi militante do Partido Galeguista, e, mesmo, responsabel político das Mocedades nun tempo e director de A Nosa Terra. Apaixonado da lingua galega, traballou con intensidade na constitución dunha lingua culta e literaria depurada e baseada sen embargo na riqueza das falas orais da cotidianidade campesía. Nos anos 50 escribiu moitos artigos, especialmente en La Noche de Santiago, algún estudo e fixo intervencións orais privadas e públicas, onde el, que pusuía fondos coñecementos de latín e literarios en diversas linguas, combateu algúns usos e defendía outros. Foi inimigo do que logo se chamou "hiperenxebrismo" e do lusismo. El pensaba que o galego vivo e falado era suficientemente rico como para poder absorber, ao facerse literario, unha parte do léxico castelanizado que o pobo usa. Iglesia Alvariño foi quen nos ensinou, por exemplo, por aqueles anos nos que eu o consultei sobre a palabra corzo na Beadense, que "Primaveira" era unha ultracorrección que debía desterrarse e que Primavera era a palabra cabal. En troques el era partidario da forma castelanizada "gallego" na nosa lingua culta. Neste segundo exemplo, o uso lingüístico non lle deu a razón a don Aquilino. Era moi resolto e taxativo nas súas opinións, o que nos obrigaba a considerar críticamente os textos que produciamos e a maneira en que falabamos. A respecto de corzo, el non tiña razón ao lle negar natureza e lexitimidade galega á verba (tampouco non lle gustaba verba, aversión na que non militaba a soas, e o galego culto foi ficando pouco e pouco "sen verbas"). Eu lembro con afecto e admiración a don Aquilino Iglesia Alvariño.

CAIXA POSTAL

Lois Porteiro Garea (1888-1918)

  • Escríbenos, por segunda vez, desde a cadea de Villabona, Asturias, o intelectual galego Carlos Calvo Varela, que alí se encontra como preso político. Envíanos unha publicación, da que é autor, titulada Luís Porteiro Garea. O irmandiño de Gafoi, Frades, que sacou á luz o Obradoiro da Historia, de Ordes, con motivo do centenario das Irmandades da Fala (1916-2016).É moi certo que, con motivo de dito centenario, xa se leva escrito moito, aínda que discutido non moito, sobre as Irmandades da Fala. Este folleto de Carlos Calvo Varela sobre Lois Porteiro resulta sumamente clarificador e deseña a unha das figuras centrais daquel movemento verdadeiramente plural, multiforme e constitutivo de todo o nacionalismo galego de esquerda e progresista habido até os nosos días.Produciume saudade a lectura de Porteiro de Carlos Calvo. Acordeime de vellas tertulias de verao en Vilanova dos Infantes. Meu pai, dez anos menor que Porteiro, sacaba con frecuencia o nome del, e a súa figura, do Fondo dos Espellos. Os homes que parolaban co meu pai, e xogaban ás cartas, e lembraban días de mocidade, tiraban tamén do fío na lembranza a Porteiro e viña unha e outra vez a resustar o político e profesor e avogado nacionalista. Iso ocorría porque os amigos do meu pai foran fundadores, con el, da sociedade agraria "Aires da miña Terra", aínda que un deles era guarda municipal, outro avogado e, outros dous, artesáns zapateiros: ningún labrego, ningún suxeito tedor de foros. Todos se laiaban da derrota política de Porteiro nas eleccións de 1918, como candidato de Celanova. Todos falaban mal do caciquismo e posfazaban de Calvo Sotelo, que saíra deputado polo Carballiño no 18 e, porparte, viviu o suficiente para volver triunfar nas eleccións do 1936 en Ourense. Logo, unha e outra vez, aqueles maiores que eu escoitaba falar, adoitaban a derivar a conversa despaciosa á gripe de 1918, que lle levara a vida a Porteiro Garea cando este só contaba uns 29 ou 30 anos de idade e estaba chamado a ser un destacado dirixente do nacionalismo republicano de esquerda. Algúns dos presentes, incluído meu pai, puñanse daquela moi serios e evocaban os amigos e familiares que a todos lle morreran naquela terríbel epidemia da influenza.Todo isto veu á miña memoria lendo o opúsculo de Carlos Calvo Varela. Moitras grazas polo envío.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22. Aptdo. Correos 91. VIGO
Pulsa para ver más contenido para ti