Tui, Porriño e Mos acenden o Xacobeo

Edificios emblemáticos das tres vilas polas que pasa o Camiño dan a benvida ao 2022 coa proxección nas súas fachadas da iconografía do Ano Santo

Catedral de Santa María, en Tui, iluminada coa iconografía do Xacobeo 21-22. | // FDV

A Catedral de Tui, a casa consistorial do Porriño e o Pazo de Mos foron tres dos 54 monumentos de toda Galicia iluminados coa iconografía da frecha amarela e a cuncha que conforman o logo oficial do Xacobeo 21-22.

Co gallo do comezo do segundo Ano Santo e recollendo o éxito da iniciativa “Acende o Xacobeo” coa que a Xunta de Galicia lle daba a benvida á celebración deste Xacobeo excepcional, presentouse unha nova edición desta proposta que permitiu iluminar as fachadas de máis de medio cento de edificios significativos de 46 municipios galegos, distribuídos polos dez itinerarios xacobeos.

Iluminación no Pazo de Mos. FDV

Paralelamente, tamén se acenderon 42 edificios emblemáticos doutras 23 localidades das comunidades autónomas de Cantabria, A Rioxa, Castela e León e Navarra, polas que pasa o Camiño de Santiago, así como outros seis monumentos nas cidades de Dublín, Reino Unido, Helsinki, Oporto e Muntinlupa e Batangas en Filipinas.

Iluminación no Concello do Porriño FDV

En total, máis dun cento de monumentos iluminados de 75 localidades en seis países distintos para lembrar que o Xacobeo continúa neste 2022.

  • Nubarrones en el inicio del segundo Año Santo: Mar de Arousa da por perdido el primer trimestre

Na bisbarra, ademais destes tres emprazamentos polo que pasa o Camiño Portugués, ilumináronse edificios doutras localidades como a Torre do Reló da Guarda, a parroquia de San Xoán de Nigrán, Cabo Silleiro en Oia e o Museo do Mar de Vigo, lugares do Camiño Portugués pola Costa.

O acendido mantívose ata o pasado domingo, pero continuará nas fins de semana durante todo o ano en 12 edificios das cidades galegas.

Compartir el artículo

stats