Ao son da gaita e do tamboril e nunha mañá de choiva persistente. Así foi inaugurado hoxe o poboado prehistórico do Parque Etnoarqueolóxico de Salcedo, un fermoso proxecto que nace da man da veciñanza e dos comuneiros da parroquia e que o Concello de Pontevedra e a empresa A Citania, Arqueoloxía e Xestión do Patrimonio fixeron realidade.

Trátase da recreación dunha aldea da Idade do Cobre ou Calcolítico nunha parcela situada no lugar de Outeiro das Mouras e que conta con 1.500 metros cadrados.O poboado, que dende hoxe xa está aberto ás visitas do público xeral, está integrado por unha cabana comunal, tres pallozas, corrais, fosas de almacenaxe, un estanque e unha zona na que máis adiante se recrearán as fogueiras que facían os antigos moradores desta zona.

"Este é un elemento máis de posta en valor del monte". Así o destacaba o presidente da comunidade de Montes de Salcedo, Fernando Pintos, na súa intervención logo da visita ás cabanas da aldea. O comuneiro lembrou que a visita ao Parque Etnoarqueolóxico de Salcedo é a partir de agora "máis que recomendable", pois é un enclave pensado para o goce das familias, das crianzas e tamén da comunidade escolar.

Neste sentido, Pintos adiantou que se levarán a cabo diversas actividades para dinamizar a contorna e sacar proveito ao "tesouro" que garda o monte de Salcedo. Así, está previsto realizar distintos obradoiros dirixidos á comunidade escolar nos que se recrearán a arte ruprestre, a música prehistórica, as técnicas de agricultura e os ritos chamánicos daquela época, coa clara finalidade docente de amosar ás crianzas o patrimonio, a historia e as raíces do pobo galego.

Por outra banda, na inauguración da aldea calcolítica tamén se avanzou que está proxectado completar a área arqueolóxica coa construción dunha Aula da natureza, un campo de fútbol e un espazo para ciclismo, de maneira que o Parque Etnoarqueolóxico de Salcedo se convirta nun referente lúdico-social para as familias pontevedresas e da comarca.

O acto de inauguración contou coa presenza do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quen manifestou o seu "orgullo" por veren feito realidade o proxecto de recuperación do patrimonio cultural do municipio. Así mesmo, tamén estiveron presentes responsables da empresa A Citania e un centenar de veciñas e veciños da parroquia que, logo de visitar a aldea, degustaron uns pinchos amenizados pola banda de música O Son da Pedra.