O Espazo Lector Nobel de Marín acollerá este sábado 24 de novembro, na véspera do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a presentación de "Senlleiras", de Antía Yáñez.

O Colectivo Feminista Zeivas organiza a partir das 12.00 horas este encontro no que a autora da novela, galardoada co Premio de Narrativa Illa Nova 2018, debullará as claves da obra e abrirá o intercambio de opinións entre o público que asista a esta primeira xuntanza do Clube de Lectura de Zeivas.

Antía Yáñez (Burela, 1991) compaxina a escrita coa xestión dunha academia en Cambre (A Coruña) onde imparte obradoiros literarios para rapazas e rapaces. "Senlleiras" é o seu segundo libro, tras "O misterio de Portomarín".

Coa novela de Antía Yáñez inaugúrase o Clube de Lectura de Zeivas, o novo colectivo feminista que vén de constituírse en Marín neste mes de novembro, para reivindicar a igualdade, servir de punto de encontro para diversas accións feministras e darlles voz ás minorías oprimidas.

Ademais do foro literario que se reunirá periodicamente, Zeivas tamén programará obradoiros, conferencias e xornadas informativas das que irá dando conta a través da súa páxina en Facebook "Zeivas Colectivo Feminista".