Baixo o lema "Unha lingua de premio", o departamento de Cultura da Deputación organiza unha festa literaria co obxecto de poñer en valor o papel que os premios de literatura, xornalismo e investigación tiveron historicamente no mantemento e normalización da lingua galega. A festa, que foi presentada polo deputado Xosé Leal e pola escritora Ledicia Costas, terá lugar no Pazo Provincial o vindeiro 26 de setembro, coincidindo co Día Europeo das Linguas. "Pontevedra vístese de festa, porque temos moito que celebrar e moito que festexar, e eu creo que temos unha lingua de premio pero que moitas veces nos esquece" afirmou Ledicia Costas, que será a encargada de conducir o evento.

A escritora e membro da xunta directiva da AELG falou da necesidade de contar con actos que recoñezan o labor creativo no campo da literatura e asegurou que esta festa "é un xeito de poñernos en valor, tanto a nosa lingua e a nosa cultura, como as creadoras e creadores do país". Afirmou, ademais, que "eu doume conta, despois de andar por todo o Estado, de que na Galiza estamos á cabeceira en talento na literatura, na música e en todas as disciplinas, e ás veces o que nos falta é crelo un pouquiño". A festa literaria, que comezará ás 19:30 horas, incluirá ademais de intervencións institucionais, unha serie de accións nas que a literatura dialogará con outras disciplinas.

A música estará representada pola banda Xardín Desordenado, que interpretará poemas musicados, mentres que as artes escénicas correrán a cargo das actrices Iria Pinheiro e Ailén Keidelman, que prepararán unha pequena peza teatral na que darán cabida ás gañadoras e gañadores da edición 2017 dos premios que se convocan na provincia. Tamén estará presente o deseño a través da ilustradora Paula Pereira, que realizará unha peza de cerámica cun deseño ad hoc para este evento, que será a peza que se lle entregará a Manuel Bragado e á organización do Festival da Poesía do Condado.