A actriz pontevedresa Marta Pazos, directora artística e dramaturga da compañía teatral Voadora, estará á fronte da vindeira gala dos Premios Mestre Mateo do audiovisual galego. Así o anunciou a Academia Galega do Audiovisual, AGA, que salienta que o evento estará presentado, por segundo ano consecutivo, pola presentadora Iolanda Muíños.

"Ao longo dos últimos anos as direccións de Marta Pazos estiveron presentes en escenarios internacionais e estatais como o Centro Dramático Nacional, onde acaba de por en escena Sueño de una noche de verano", lembra AGA, que engade que o traballo da pontevedresa xa pasou polo MA scéne nationale (Francia), Festival de Almada (Portugal), FITEI (Portugal), Festival de Agosto (Mozambique), Festlip (Brasil), Capital Europeia dá Cultura- Guimarães 2012 (Portugal), Tempada Alta, Festival de Almagro, Clásicos en Alcalá, Olmedo, Fringe Madrid, MIT Ribadavia ou Escenas do Cambio.

A gala, que se celebrará o próximo sábado 3 de marzo no Pazo da Ópera da Coruña, poderá seguirse a través das redes sociais da AGA Facebook e Twitter ou a partir das 22 horas na primeira canle da TVG.

Marta Pazos (Pontevedra, 1976) é licenciada en Belas Artes. Comeza a dirixir no ano 2000 e desde entón asinou a posta en escena dunha vintena de espectáculos desenvolvendo o seu traballo a camiño entre Portugal e España.

En 2007 funda en Santiago de Compostela a compañía "Voadora" xunto ao actor Hugo Torres e o produtor Jose Díaz. Leva recibidos tres premios María Casares, á dirección e á escenografía. Tamén foi finalista aos Premios Max.