O Centro Cultural de Ponte Caldelas acolle ata o próximo día 10, a exposición fotográfica "De Pontevedra a Río 2016", coa que a Deputación rende homenaxe aos deportistas olímpicos e paralímpicos da provincia que participaron na última edición dos Xogos de Río 2016.

A mostra foi inaugurada polo alcalde, Andrés Díaz, e a deputada de Deportes, Chelo Besada, ademais do concelleiro do goberno local, Lito Muñíños.

A exposición, que poderá visitarse de luns a venres dende as 9.00 ás 13.30 horas, é unha recompilación de fotografías cos olímpicos e paralímpicos pontevedreses e xa pasou por varios concellos da provincia. As imaxes amosan aos 16 deportistas, nuns paneis individuais nos que se poden comprobar as súas traxectorias deportivas.