O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, ofreceu onte unha conferencia na Casa das Campás centrada nas cantigas populares de tradición oral.

"Durante os séculos XV, XVI ou XVII nos que practicamente non se escribía en galego, aquilo que se contaba e que se cantaba nas casas arredor das lareiras constituía o alimento literario do idioma, a única literatura galega que había", sostén Alonso Montero.

"Hai cántigas de catro versos que son pequenas mostras de literatura, como noutro sentido o sontamén os romances", salienta este filólogo e sociolingüista, que ten nestas mostras da literatura popular un dos seus obxectos de estudo e preocupación desde hai moitos anos.

O presidente da RAG publicou en 1967 o primeiro cancioneiro popular de temática social, no que recollía unha serie de pezas que amosaban, como apunta, "que a canción protesta non a inventou en Galicia Voces Ceibes, senón que no cancioneiro popular hai moitas cántigas críticas cos caciques, contra os malos administradores, contra os abusos..."

Do amor, da problemática social e doutros temas no cancioneiro popular da tradición oral tratou o relatorio de onte nos "Encontros nas Campás", que a Vicerreitoría do campus promove xunto co Programa para Maiores e ao que este ensaísta achegou varios exemplos daquelas cántigas que lle impactaron na súa infancia na aldea de Ventosela, en Ribadavia. "A cántigas populares de catro ou tres versos son a miña primeira universidade literaria", recoñece este estudoso da tradición oral.