Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Rafael Quintía: "A xente conta que é posible que haxa moitos nenos fillos do muíño"

Un documental achégase a estas industrias que tiñan "o papel fundamental de producir o maná da dieta dos labregos"

Quintía (dereita) presenta o documental co edil Luis Bará. // R. Vázquez

A Casa da Cultura de Salcedo acollerá mañá ás 20 horas a estrea do documental "Muíños, a memoria da auga", un traballo dirixido por Rafael Quintía que propón un achegamento a un dos elementos etnográficos "máis senlleiros e identificativos da paisaxe cultural e natural de Galiza", industrias, lembra, que foron esenciais para a supervivencia das xentes e o seu desenvolvemento económico.

-Que supuxeron os muíños no rural galego?

-Eran a fábrica de pan, a industria onde se producía un dos alimentos fundamentais da dieta dos galegos e tamén do gando, porque según o tipo de fariña que se fixera tamén servía para alimentar o gando. Cumpría unha función económica importantísima non so nas economías de subsistencia da xente senón tamén para a industria ou na Edade Media o clero controlaba muiños nos que se producía fariña, os muíños tiñan por tanto o papel fundamental de producir o maná da dieta dos labregos.

-Tamen tiñan un papel social?

-Si, tiñan os seus usos sociais, eran un lugar de encontro sobre todo os muíños de herdeiros, propiedade de varias familias, o seu uso está repartido ó longo da semana nunha serie de horas e funcionaban constantemente, cada un tiña as súas horas de moenda, chegaba o seguinte, falaban, ás veces pola noite, era un lugar onde sempre había xente e donde xuntarse e falar uns cos outros. Incluso os muíños que non eran de herdeiros, os de propietarios ou maquía, que tiñan muiñeiro, tamén eran lugares de reunión. E arredor dos muíños desenvolveuse moito patrimonio inmaterial, crenzas, uns aspectos vinculados ó imaxinario colectivo porque se tiñas que ir ó muíño de noite, ás 2 de mañá, e pasar a noite alí iluminado con un candil eso tamén levaba a pensar nos medos, no que podía estar fóra; os muíños protexíanse con cruces, non so para protexer o pan que se facía senón para protexerse do que podía estar fóra neses días de invernía.

-Sinala que son un dos sitios máis máxicos da cultura popular galega

-Si, forman parte das lendas, das letras das nosas músicas, hai moitas cantigas que fan referencia ó muíño, ós encontros amorosos no muiño, cando había un mozo ou moza que estaba moendo o pretendente ía ali etc, a xente narra que é posible que haxa moitos nenos que sexan fillos do muíño (sorrí), está vencellado a todos eses aspectos do patrimonio inmaterial e do imaxinario colectivo.

-Hai distintos tipos de muíños?

-Si, nós centrámonos no que se chaman muíños de río ou de regato, pero tamén temos muiños de marea e de vento, son as tipoloxías fundamentais en Galicia, onde a maior parte son muíños de río. E despois no tema da propiedade podían ser de herdeiros, de moitas familias que tiñan esa propiedade de forma comunitaria, ou podían ser dunha familia, dun propietario ou de dous, os que eran de herdeiros a xente ía, moía, poñía a chave no seu sitio e o seguinte que chegaba poñía en marcha o muíño. Aqueles que eran de propietarios moitas veces tiñan un muiñeiro, eran os muíños de maquía onde ti levabas o grao, moías e a cambio tiñas que pagar cunha parte da fariña ou posteriormente en cartos, había esas dúas propiedades, de familias ou privados. En Salcedo temos dos dous tipos e incluso un que tiña vivenda do muiñeiro arriba.

-O muiñeiro é tamén unha figura especial?

-Tamén, con moitas lendas, cantigas e historias, en Salcedo falábase da picaresca, de que facía trampas para quedar con algo da fariña, igual que podían falar da picaresca dalgúns tendeiros contaban esas anécdotas, porque os muiñeiros tamén forman parte do noso imaxinario.

-Dise que todos os muíños teñen un trasno

-Tamén, tamén se fala de trasnos, das ánimas, do demo, débese a que os muíños están en lugares boscosos, sombríos, con accesos a veces difíciles e pasar alí horas de noite desperta a imaxinación da xente e aparte a cultura vai con un, de xeito que cando estás alí estas cuestións coma os trasnos aparecen. Nalgúns dos muíños do Batán onde se filmou este documental se fala incluso de que alí se vían os lagartos de dúas colas que como sabe todo o mundo son capaces de adivinar o número da lotería (sorrí) porque coa cola pode escribir o número premiado nun plato de fariña, así que si hay todo ese tipo de lendas vinculadas ós muíños.

-É partidario da súa recuperación?

-A sociedade cambiou, igual no futuro tal como vamos volveremos a usar os muíños e nos adicaremos de novo á agricultura e seremos autosuficientes, pero polo de agora non é o caso. Agora hai unha tendencia a restaurar os muíños e está ben, máis que nada consolidar as estructuras para que non veñan abaixo, pero non ten sentido restaurar todo o mecanismo e menos aínda de todos os muíños porque se non se lle da uso se estropean; nós os que temos na parroquia recuperados pódense usar para moer puntualmente pero sobre todo están enfocados a visitas con escolares, asociación, vecinos etc, hai que buscarlles novos usos dacordo cos cambios sociais e a unha sociedade coma a de hoxe en día que non está tan volcada nos usos agrarios coma antes.

Compartir el artículo

stats