05 de agosto de 2012
05.08.2012

Un cerdedense en Mauthausen

Martín Ferreiro Álvarez padeceu as crueldades do campo de exterminio nazi, onde terminou morrendo no ano 1941

05.08.2012 | 12:45
Imaxe da liberación do campo de exterminio de Mauthausen en 1945.

O 5 de maio de 1945, a Undécima División Acoirazada do exército estadounidense, ao mando do xeneral Dager, liberou os prisionerios do campo de exterminio de Mauthausen (Austria). Ben seguro, calquera das versións infernais agoiradas polas relixións do Libro non lle atinxirá os nocellos ao averno nazi de Mauthausen.
As tropas norteamericanas devolvéronlles a liberdade, entre outros prisioneiros superviventes, a 2.400 republicanos españois, moitos dos cales eran galegos. Os libertadores foron recibidos, xaora, con vítores e albízaras. Os reclusos galegos que denantes participaran na penosa construción, pedra a pedra, do seu presidio, colaboraron após na derruba da aguia imperial que coroaba o portón de acceso ao campo e, así mesmo, na confección da pancarta de benvida: "Los españoles antifascistas saludan a las fuerzas liberadoras". Os campos de concentración que formaban o complexo Mauthausen-Gusen (campo principal + campos auxiliares ("kommandos") foron os últimos en ser liberados polas forzas aliadas.
Desgrazadamente, a gozosa xornada do 5 de maio de 1945 aconteceu tarde para o republicano cerdedense Martín Ferreiro Álvarez que, vítima do suplicio, morrera catro anos antes, o 23 de novembro de 1941. Consonte os datos manexados polo Ministerio de Xustiza, o novembro de 1941 foi especialmente sanguento, xa que, a carón de Ferreiro, nos distintos campos de concentración nazis espallados por Europa, feneceron outros 878 españois, a cifra máis alta das consignadas no período 1940-45.
Segundo lemos en "Galicia en guerra" (Eduardo Rolland, 2006), calcúlase que de 1939 a 1945 máis de 7.000 españois perderon a vida nos campos de concentración do nazismo. Uns 7.300 españois deron cos seus ósos en Mauthausen, dos cales 4.765 deixarían alí a súa vida. Ferreiro foi un dos 106 galegos cuxa estadía e falecemento ficaron documentados. Outros moitos permanecen no anonimato.
Martín Ferreiro Álvarez naceu na freguesía de Quireza o 13 de setembro de 1892. Ferreiro, vencellado ao ramo da construción, trasladou a súa residencia á cidade da Coruña onde, durante a República e adscrito a "Izquierda Republicana", desenvolveu os cargos de concelleiro de Obras e tenente de alcalde no Concello herculino. Tras a sublevación fascista de xullo de 1936, procurou agocho en Quireza, despois en Portugal e Francia, combatendo o exército franquista nas frontes do Levante e Cataluña (L. Lamela, 2002/D. Pereira, 2010).
Barcelona foi tomada polos golpistas o 26 de xaneiro de 1939. O 1 de abril dase por conclusa a Guerra Civil. O 25 de maio, o continxente nazi da Lexión Cóndor desfila vitorioso polas rúas de Vigo. O día 26, previa ao embarco das tropas xermanas, celébrase unha apoteósica misa de campaña fronte ao Club Náutico. Ao tempo, na enseada da ría, no campo de exterminio da illa de San Simón, as autoridades franquistas ensaian con centos de presos republicanos a "Solución final".
Nos primeiros meses de 1939, derrotado o bando republicano polas hostes de Franco, medio millón de españois leais á República cruzan a fronteira francesa agardando a solidariedade do país veciño. Porén, como xa se anotara para Otero Espasandín, prisioneiro en Saint-Cyprien -véxase Faro de Vigo, 3-6-2012-, as autoridades galas, mesmo antes da ocupación alemá, ofrecéronlles aos heroicos refuxiados un tratamento inxusto, vexatorio e inhumano. Os seus corpos maltreitos, acoutados como animalias, amoreáronse en campos de internamento.
Martín Ferreiro Álvarez foi confinado no campo de Argelès-sur-Mer (Pireneos Orientais), no sueste de Francia. Aínda así, loitador inquebrantábel, enxergando a inminente chegada dos invasores alemáns, o de Cerdedo integrouse como voluntario nas Compañías de Traballadores Estranxeiros, desenvolvendo a súa profesión no reforzamento da Liña Maginot. Consumada a invasión, sumouse ao exército francés para seguir combatendo o fascismo. Capturado pola Wehrmacht (maio-xuño de 1940), foi confinado no stalag V-D, preto de Estrasburgo, (asignándoselle o nº 2618) e posteriormente deportado a Mauthausen, canda outros 848 prisioneiros, o 13 de decembro de 1940.
Tras a subxugación de Francia, a situación dos exiliados republicanos empeorou. O mariscal Petain, Xefe de Estado do réxime de Vichy, entregóullelos ás autoridades alemás. Os alemáns ofrecéronllelos a Franco e a Stalin que declinaron o seu acollemento. O ministro de Asuntos Exteriores e cuñado de Franco, Ramón Serrano Súñer, responsábel da sorte dos prisioneiros, desentendeuse do asunto, dando a calada por resposta e conferíndolles aos nazis as chaves do seu destino. Daquela, aos "rotspanier" (os roxos españois) só lles deparaba a incerteza do triángulo azul cosido á súa vestimenta: o distintivo dos apátridas.
No xélido inverno de 1940, Martín Ferreiro Álvarez chega ao pé das griseiras murallas de Mauthausen. Durante a longa viaxe nun escuro, ateigado e fedorento vagón de mercadurías, Ferreiro foi consciente de que aquela era unha viaxe sen retorno. O alacantino José Jornet Navarro (€2007), supervivente do holocausto, describía deste xeito a arrepiante experiencia: "Los de la Gestapo nos metieron en vagones de carga. Fueron tres días y tres noches encerrados, sin agua ni comida, haciendo nuestras necesidades en un rincón del vagón, que estaba precintado, con vómitos, diarreas y sin saber a dónde íbamos. Llegamos a la una y media de la madrugada del 13 de diciembre de 1940. Había una nevada espectacular. Conforme descendíamos de los vagones nos molían a palos, los perros nos mordían y así seguimos hasta la cima de un monte. En el camino se quedaron tres o cuatro muertos. Si te esperabas a ayudar a algún camarada, te pegaban con palos y con los fusiles en la cabeza. El que caía al suelo ya no se levantaba. Lo remataban allí mismo". En 2008, o Concello de Alacant determinou honrar a memoria de Jornet Navarro bautizando co seu nome unha avenida. Pola contra, é ben sabido que, en Cerdedo, no tocante á nomenclatura das rúas, se segue incumprindo a Lei de Memoria Histórica.
A locomotora detivo a marcha, a vintena de vagóns do convoio renxeu; abríronse as portas e, ás tentas, Ferreiro albiscou unha gran cruz gammada baixo as poutas dunha aguia estarrecedora. Polas súas ventas coábase até a náusea un cheiro inconfundíbel a carne queimada. Apremados polos soldados alemáns, os desconcertados viaxeiros puxeron pé en terra e, acirrados polas trabadas dos cans e os culatazos, dispuxéronse en fileiras. Intramuros, Franz Ziereis, xefe supremo de Mauthausen, deulles a benvida, advertíndoos de que ninguén sairía do recinto senón como fume polo burato da cheminea.
Martín Ferreiro Álvarez foi rapado, vestiu o traxe a raias ("drillich"), cinguiu o pucho e calzou os zocos. No antebrazo gravóuselle o número 4983, culminación do proceso de despersonalización inspirado no decreto "Nacht und Nebel" ("Noite e Néboa"), elaborado á medida dos presos considerados "non rehabilitábeis" e posto en práctica nos campos de concentración de categoría III ("stufe III"), como Mauthausen ou Gusen I, avantaxados escenarios do horror e a crueldade.
O cerdedense Martín Ferreiro Álvarez traballou até a extenuación nas canteiras de granito anexas aos campos de Mauthausen e Gusen, material co que se construíron as fatídicas instalacións. Ferreiro foi testemuña dos 186 banzos da "escaleira da morte", dos suicidios na "parede do paracaidista", das celas de castigo, das cámaras de gas, dos fornos crematorios, do aramado eléctrico, do poldro para as flaxelacións, dos interminábeis recontos diarios na "Appellplatz", das duchas con auga xeada ou escaldante, dos experimentos médicos practicados polos "anxos da morte", da fame, do frío, da dor, do pranto, da fraqueza cadavérica, das arbitrarias execucións... e pensou, sen dúbida, que Deus, de existir, lle virara as costas á humanidade.
Saturado o campo principal de Mauthausen, a partir de xaneiro de 1941, os prisioneiros foron trasladados ao campo de Gusen (a uns 4´5 km de distancia). Dos 3.846 republicanos confinados no "inferno dos infernos", en 1944, só ficaban vivos 444.
Esmorecido polo martirio, mais firme nos seus ideais, Martín Ferreiro Álvarez entregou a vida no eiral de Gusen a finais do mes de Santos de 1941. O seu derradeiro pensamento reservouno para a súa muller, os seus cinco fillos e para os seus pais Xosé e Manuela. Descanse en paz.
Malia estar vacinado contra calquera embate de xorne integrista, de cadora en cando o meu sistema inmunitario vese na obriga de empregarse a fondo. Nun xornal de tiraxe estatal, con data do 19 de setembro de 2011, a piques do septuaxésimo cabodano do noso paisano, lemos que Manuel Blanco Rey, párroco de Morás (Arteixo), puña en cuestión a lexitimidade dos nomes lembrados no monumento ás vítimas do franquismo, inaugurado en decembro de 2010 na Coruña e, entre eles, o de Martín Ferreiro Álvarez: "Explíqueme usted. ¿Qué relación tienen éstos con el franquismo?", seica escribiu o crego.
Abrenuncio. Á luz dos ditos e dos feitos, a un só lle cabe preguntarse como poden acugular algúns tanta xenreira, tanta nostalxia cómplice, tanto veriño, sen envelenarse. É incuestionábel que a entrevista mantida por Francisco Franco e Adolf Hitler en Hendaia (23 de outubro de 1940) e a reiterada e malévola inhibición do Ministerio de Asuntos Exteriores franquista (agosto-decembro de 1940) propiciaron a tortura e morte do prisioneiro nº 4983.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
En estas fiestas, sobran los motivos para beber elaboraciones de vino gallego. En 2018, Galicia firmó la segunda mejor cosecha de su historiay nuestras bodegas despiden el año con un buen balance en todos los sectores